Santiago estuda restricións máis severas ante un aumento de casos "moi preocupante"

Durante a fin de semana impuxéronse diversas sancións por festas ilegais en pisos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2020 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, apelou este luns á "responsabilidade individual e persoal" dos cidadáns ante os novos datos de covid-19 rexistrados no últimos sete días na cidade, que cualifica de "extraordinariamente preocupantes".

"Está claro que está a haber certa relaxación nos comportamentos. Hai unha certa deterioración nos datos desde o día 5 de decembro", recoñeceu o alcalde en rolda de prensa e comentou que, aínda que as cifras son peores que hai unha semana, son mellores que a media de Galicia e a estatal.

O rexedor compostelán explicou que Santiago pasou do seu mellor dato entre finais de novembro e principios de decembro, cando se contabilizaron 84 casos activos, a 137 a 14 de decembro. Estes datos, sinalou o alcalde, poden "obrigar" ás administracións públicas a adoptar novas medidas, que afectarían "gravemente" non só á mobilidade das persoas, senón tamén á "actividade económica de moitas familias santiaguesas".

Bugallo fixo un chamamento á responsabilidade de cada cidadán porque, segundo comentou, non se pode descartar unha "marcha atrás", que vería "xustificada", e que haxa que reforzar as restricións para Nadal.

Respecto desta responsabilidade, Bugallo informou de que durante esta fin de semana se impuxeron diversas sancións por infraccións de medidas anticovid, concretamente pola celebración de festas ilegais en pisos, non identificación e incumprimento do toque de queda.

O alcalde recoñeceu tamén que parte do incremento de contaxios por covid-19 se deben, tanto á ponte da Constitución, como a un concerto celebrado en Santiago o 5 de decembro. Santiago de Compostela e Ourense son as dúas únicas cidades galegas nas que se levantou o peche perimetral a partir do 4 de decembro.

"Sería unha pena ter que aplicar máis restricións para Nadal. De nós depende que non sexa así", sentenciou o alcalde sobre o repunte nos casos.

Mozos tomando cervexas nun bar de Santiago de Compostela a 4 de decembro de 2020. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Mozos tomando cervexas nun bar de Santiago de Compostela a 4 de decembro de 2020. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta