Sanidade presume da súa campaña de vacinación da gripe tras as críticas de falta de unidades

O Sergas di que ten aínda 200.000 vacinas da gripe dispoñibles e ve "excepcional" que aínda non se dese ningún caso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2020 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

A tres semanas de pechar a campaña contra a gripe, Galicia conta aínda con preto de 200.000 doses de vacina dispoñibles, a maior parte nos centros de distribución e algo máis de 57.000 aínda nos almacéns. Son parte do máis do millón de vacinas que a Xunta aquiriu para inmunizar á poboación.

Imaxe de arquivo dunha enfermeira fornecendo unha vacina.. EUROPA PRESS - Arquivo
Imaxe de arquivo dunha enfermeira fornecendo unha vacina.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Unhas vacinas que agora sobran a tres semanas de rematar a campaña tras as numerosas denuncias de desavastecemento de centros sanitarios ao comezo da tempada o que levou a que moitas persoas quedaran sen vacinar. 

Unha situación que provocou que os partidos da oposición cargaran contra a "falta de previsión" da Xunta cando anunciou "ter doses suficientes".  De feito, o PSdeG levou este asunto á Cámara. "A falta de previsión do Goberno galego convértese nun problema no actual escenario", dicía entón o deputado socialista Xulio Torrado.

Con todo, este martes, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, presumiu da campaña de vacinación da Xunta e destacou tanto o número de doses conseguidas como o número de vacinados. Tamén destacou que, polo momento, non hai ningún caso de gripe en Galicia. 

Durán Parrondo lembrou que, para este ano, a Xunta adquiriu 869.510 doses de vacina contra esta enfermidade, 200.000 máis que o ano anterior, co obxectivo de cubrir case o 80% da poboación diana. Con todo, desde o inicio, a demanda "foi altísima, moi por encima das expectativas", o que levou á Xunta a adquirir 136.000 dose máis, unha "cifra histórica" de máis dun millón de vacinas para os galegos.

COCIENTES DE COBERTURA

Coa participación cidadá, destacou Carmen Durán, a Xunta alcanzou en boa parte as expectativas de cobertura que tiña para os grupos diana con maior risco ou de maior relevancia na difusión da enfermidade.

En canto ás persoas maiores de 65 anos, especificou a directora xeral, a estas alturas da campaña vacinouse o 70,3% do total obxectivo, fronte ao 60,4% de toda a campaña anterior, o que supón case 73.000 persoas máis a tres semanas de finalizala.

Así mesmo, no ámbito dos sanitarios, mentres que o ano pasado a cobertura non chegaba ao 51%, nesta ocasión está xa por encima do 75% que se marcou como obxectivo. Finalmente, entre as mulleres embarazadas, que en 2019 lograron unha cobertura do 65%, atópase no 59,54%. Con estes datos, Sanidade aplaude alcanzar xa a cobertura do 75% desexada para sanitarios e confía en alcanzar o 60% de mulleres embarazadas e o 75% de maiores de 65 anos durante as próximas semanas.

En canto á poboación xeral, Carmen Durán destacou que se vacinaron máis de 325.000 persoas menores de 65 anos, o que supón 130.000 máis que en 2019. Entre outros indicadores, subliñou os 41.000 menores de 15 anos inmunizados, cifra que "xamais se produciu na comunidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta