'Conseguiremos', unha web serie para dignificar o uso do galego entre a mocidade

A Real Academia Galega e a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC presentan esta iniciativa dentro do proxecto audiovisual ‘Novas voces para a lingua’.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/12/2020 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

A futbolista Verónica Boquete, os músicos Alejandro Guillán Baiuca e Laura Lamontagne, o director de cine Andrés Goteira, as actrices da Panadaría Teatro e a divulgadora científica Iria Veiga, acompañada polo doutor Ángel Carracedo, son algúns dos protagonistas de "Conseguiremos", unha web serie promovida que ten por obxeto impulsar e dignificar o uso do galego entre os máis novos.

Conseguiremos, a nova iniciativa de Novas voces para a lingua, impulsada pola RAG e a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC
Conseguiremos, a nova iniciativa de Novas voces para a lingua, impulsada pola RAG e a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC | Fonte: RAG

A serie é parte do proxecto Novas voces para a lingua, promovido pola RAG en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da USC para darlle voz á mocidade con talento que vive e crea en galego. A iniciativa arrinca cunha serie de cinco pezas audiovisuais protagonizada por mozos e mozas que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional. 

O proxecto de Paula Quiroga (directora), Lois Alcayde (guionista) e Meritxell Álvarez (produtora), estudantes de Xornalismo e Comunicación Audiovisual, estivo titorizado co apoio doutros tres docentes da súa facultade, Ana Isabel Rodríguez, Gaspar Broullón e Martín Vaz, e da propia Academia. O primeiro capítulo está protagonizado por Verónica Boquete e foi gravado no estadio que leva o seu nome.

“Co título xenérico Conseguiremos, que é tamén unha declaración de intencións, vontade e entusiasmo, os autores e os protagonistas da serie queren amosar unha maneira de falar a lingua galega, a lingua dos seus pais, mais sobre todo a lingua que eles e elas, as novas xeracións, escollen libremente...”, salienta o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. 

MOCIDADE

Os autores preguntáronlles a mozos e mozas da súa xeración que persoas son para eles modelos que imitar. O resultados son cinco capítulos, gravados no outono e no inverno do curso pasado e protagonizados pola futbolista Verónica Boquete e o xornalista e atleta Víctor Pérez Currás (Conseguiremos un camiño por correr); os músicos Alejandro Guillán Baiuca e Laura Lamontange (Conseguiremos saber ollar un novo mundo); o director de cine Andrés Goteira e a estudante de cine Sara Hermo (Conseguiremos querer querernos moito máis); Areta Bolado, Ailén Keldenman e Noelia Castro, integrantes da compañía A Panadaría Teatro, e o tamén actor Daniel Celester (Conseguiremos reivindicar o desexo); e a psiquiatra e divulgadora Iria Veiga, quen dialoga nunha colaboración especial co xenetista Ángel Carracedo (Conseguiremos a alegría de descubrir).

Cada peza audiovisual aborda distintas preocupacións que unen os protagonistas, como o deporte, a ciencia, a creación artística ou a igualdade e o respecto á diversidade, artellando relatos en que a cuestión lingüística se integra con naturalidade. “Gravamos estes encontros escapando das campañas máis publicitarias porque a lingua está aí. Atopamos que unha vez que temos eses espellos en que mirarnos vemos que nós tamén temos unha relación especial coa lingua”, explica a directora Paula Quiroga. “

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta