Vivimos no país de Orwell

Na súa distopía, "1984", George Orwell falábanos dun estado futuro onde o Gran Irmán controlaba absolutamente todo a través de telepantallas e a linguaxe.

Por Francisco Castro | Vigo | 26/06/2013

Comparte esta noticia
Estes días soubemos que a espionaxe estadounidense controla o noso facebook, twitter, etc. ao tempo que viamos como o estado español facía quebros lingüísticos propios dun Messi inspirado co obxectivo de facernos crer o que non é. Definitivamente, vivimos no país de Orwell.
 
No libro, Orwell explicaba como un dos mecanismos que pode usar o goberno para ter controlada á xente é manexando as palabras ao seu antollo, impoñéndolles un significado que a forza de ser usado termine entendéndose como o único posible. Iso que o novelista nos conta, é o mesmo que denunciou Herbert Marcuse nos anos sesenta do século pasado ao amosar a perversión lingüística dos imperios para xustificar as súas atrocidades e impoñer o seu dominio global. O caso máis claro, segundo el, vémolo cando morren vítimas inocentes nun conflito bélico, que pasan a ser definidas como "dano colateral". Non son cativos con nomes e apelidos que foron asasinados pola imbecilidade humana ou, peor, pola codicia de catro fillos de puta. Non son nais que choran para sempre a perda irreversible dos fillos. Non. Son danos colaterais. E daquela, quen fixo a burrada non é un asasino. E os mortos non son mortos. Son unha consecuencia. Un dato. Un número. E os datos e os números non sofren e, sobre todo, os datos e os números non ensuxan a nosa boa conciencia primeiromundista.
 
Hoxe, décadas despois de que Orwell e Marcuse sinalasen o feito, seguimos asistindo ao mesmo abuso coas palabras. E así, a xustiza, que imputa e desimputa en cuestión de horas (unha desimputada de carallo) á infanta, quere "datos fehacientes" para de verdade poder asumir unha posible culpa da filla pequena do rei. Para o común dos mortais abondan os datos sen máis. Pero cando se di que deben de ser fehacientes, cando se lle engade algo así, engádeselle, de paso, a posibilidade da sospeita dunha plausible inocencia. A ver se é que nos estamos precipitando coa santiña... E quen di iso, di conceptos como o de "mobilidade xeográfica" que é o nome que o gobeno lle dá agora á vergonza tráxica da emigración (xa poderemos dicir en nada wertgonza), "quita", ao que simplemente é roubo, e "moderación salarial" ao que é abuso patronal. Ou cando se nos di que hai países "pobres" en troques de "empobrecidos"...
Estes son só uns poucos exemplos de abusos de poder que fican disfrazados pola forza das palabras usadas con toda a perversión do mundo. Verbas deturpadas a mantenta coa finalidade, ademais, de que ninguén entenda nada ( para comprender isto, abondará con volver ver, e sobre todo, escoitar, a parvada aquela da vicepresidenta Soraya cando explicou o do despido "en diferido").
 
Como Orwell e Marcuse explicaron, somos lingua e, xa que logo, quen controla a lingua controla tamén o pensamento e a idea que a sociedade completa ten da realidade. Así pois, cómpre facermos un esforzo por deconstruir as manipulacións lingüísticas, que non son só estas senón moitas máis. Violacións semánticas que sempre agochan violacións de dereitos básicos do ser humano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro