Día da Patria unitario

Queda un mes para o Día da Patria. Agardo que non se repita o esperpento do pasado ano e o Bloque, Anova, Compromiso, Nós-UP e toda canta formación política se sinta galega conformen unha manifestación unitaria polas rúas de Compostela. É hora de deixarse de parvadas e traballar xuntos por obxectivos comúns.

Por Camilo Friol | Lugo | 02/07/2013

Comparte esta noticia
Para moita xente o 25 de Xullo é xa unha tradición, unha especie de romaría laica que dá a oportunidade de ver polas rúas de Compostela a amigos e coñecidos que non ves en todo o ano e a desculpa para tomar un viño xuntos. Eu teño amigos en todas as formacións políticas galegas e non entendo por que se quedamos para tomar un viño xuntos non podemos quedar para ir xuntos na manifestación. Todos coincidiamos nesta reflexión o ano pasado despois dun auténtico esperpento nas rúas de Compostela, con cada grupo na súa praza falando para os seus. Un despropósito que agardo que este ano non se repita. 
 
Xa sei que iso do minifundio é unha cousa moi galega, pero de vez en cando é bo deixar de mirar para os marcos. Non estou pedindo que vivamos todos xuntos na mesma casa, porque aos dous días estariamos de novo todos cabreados os uns cos outros, pero si que sexamos bos veciños. Estou propoñendo que cada quen cultive a súa leira como mellor lle pareza, pero que á hora de ir ao mercado a vender os produtos vaiamos todos xuntos. Un terá mellores tomates, outro terá mellores leitugas e ao outro daránselle mellor as patacas, pero en conxunto a colleita será mellor para todos. O contrario, seguirmos competindo entre nós, non serve máis que para tirar os prezos e que logo cando haxa eleccións veñan Carrefour e Mercadona e arrasen con todo. 
 
Quizais o pasado 25 de Xullo as feridas estivesen aínda moi en quente e esta reflexión fose difícil, pero este ano xa non hai desculpa. E sería unha boa oportunidade de comprobar se os meses que leva Vence á fronte do BNG serviron para algo, se os contactos semisegredos que mantivo con líderes doutras formacións eran algo máis que de cortesía e se as perspectivas para as vindeiras eleccións municipais son distintas a repetir por todo o país o esperpento do ano pasado polas rúas de Compostela. 
 
Se hai verdadeira vontade para ir xuntos detalles como o lema ou quen fala non será un problema e resolveránse en cuestión de minutos. Para contribuír a ese acordo, propoño un lema para a pancarta da cabeza da manifestación que debería valer a todos: “Todos xuntos por Galiza”. Con ese lema non fai falla que ninguén fale no palco, chega con que un gaiteiro toque o himno mentras abaixo ondea o magenta das bandeiras do Bloque, o azul de Anova, o verde de Compromiso, o vermello de Nós-UP ou o amarelo de Converxencia XXI. Se é así a manifestación será un éxito. Se non é así, moitos optaremos directamente por ir tomar o viño cos amigos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Camilo Friol Estudou xornalismo en Santiago. Traballou nos xornais La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia e El Progreso e ten colaborado con outras publicacións como o semanario Terra Chá, ou os xornais dixitais GZNación.com e Terra e Tempo. De setembro de 2005 a decembro de 2012 foi responsable de prensa do BNG no Concello de Lugo e desde xuño de 2014 responsable de prensa do BNG na Deputación de Lugo.