Feijóo na planeadora

Non me saco da cabeza as fotos do noso insigne presidente surcando os mares galegos na compaña do seu bo amigo Marcial Dorado, os dous fumándose un Wiston de batea mentras Dorado lle ensina a Feijóo as técnicas da navegación de cabotaxe nas rías galegas.

Por Camilo Friol | Lugo | 09/04/2013

Comparte esta noticia
Na súa comparecencia para explicar o suceso o presidente da Xunta tentou restar toda importancia a este inocente colegueo tardoxuvenil pero houbo varias cousas nesa rolda de prensa que me chamaron moito a atención. 
 
A primeira, que Feijóo diga que detrás da publicación destas fotos hai un intento de amedrentalo para que non fale e non diga o que pensa (ou para que non se vaia da lingua, empregando o barallete propio do gremio dos narcos). Así pois, quen pode estar ameazando ao presidente da Xunta? 
 
Só se me ocorren dúas posibilidades tendo en conta quenes podían ter esas fotos (é dicir, os que saen nelas, que antes non había facebook). Unha, o clan de Marcial Dorado ou alguén do gremio de antigos empresarios de batea galegos na busca dalgunha intercesión ou favor de Feijóo, o cal daría ao traste a teoría de Feijóo da rotura de relacións do PP galego co mundo do narcotráfico, ou, dúas, alguén do PP, o máis probable algún sector do Partido Popular alén Padornelo que queira pechar portas a Feijóo e evitar o seu salto a Madrid. Porque digo eu, e se a publicación destas fotos tivera que ver con discrepancias no PP por como afrontar o caso Bárcenas? E se fose unha maneira de chantaxear ao sector Rajoy-Gallardón-Feijóo-Cospedal? E se fose unha maneira de illar a Rajoy? Gallardón foi o primeiro en saír a defender a Feijóo, pero agora que está en “crisi” (sic), Rajoy está máis só e non ten de quen presumir, a quen poñer de exemplo exemplar. 
 
Parece corroborar esta tese da intriga xenovesa outra cousa que me chamou a atención da comparecencia de Feijóo: que dera as explicacións en castelán. Si, xa sei que o noso presidente é fiel defensor do plurilingüismo, pero semella neste caso que máis que dar explicacións aos galegos e galegas lle interesase que o entenderan en Madrid, quizais eses que o ameazan. Pero quenes son? E que quixo dicir Feijóo con que non o van calar e vai seguir dicindo o que pensa? Segue sendo todo un misterio. Quizais só o xuíz e novelista Vázquez Taín o poida aclarar.
 
Fixo ben Pachi Vázquez en deixar claro que el non foi, por se a algún galego ou galega despistado se lle pasaba pola cabeza outorgarlle ao líder do PSdeG o mérito de poñer, aínda que fose unha soa vez, contra as cordas a Feijóo. Por iso fixo ben Pachi Vázquez en recoñecer as súas limitacións. E dame a min que tampouco foron os do BNG, porque eses métodos non pegan nada co talante de Xavier Vence. Por moito que no Bloque haxa gañas de revancha náutica logo da utilización que fixera Feijóo das fotos aquelas de Quintana no iate do dono da construtora San José. E aínda que Feijóo alegue que, inxenuo como era el, non sabía que ademais de empresario Marcial Dorado era narcotraficante, as fotos dos dous barcos non son nin comparables. Evidentemente as fotos de Feijóo son moito máis escandalosas; porque polo menos Quintana levaba camiseta.  
 
Así que mentras Vázquez Taín non se poña a resolver o misterio ou a escribir unha novela sobre o caso, seguirémonos a recrear nunhas fotos que, como dixo Feijóo, son só iso, unhas fotos evocadoras dun domingo pola tarde do mes de agosto na costa galega, un día caloroso a bordo dun iate foraborda, no que despois de extenderlle a crema pola espalda ao coñecido contrabandista Marcial Dorado (ou viceversa), Feijóo colle o timón e pregunta pola potencia daquela planeadora, inocentiño como era el naqueles anos de xuventude (ai) que á única embarcación á que se tiña subido era a aqueles chalanos a remo que había no encoro dos seus Peares natais, e, como bos amigos, deciden facerse unhas distendidas fotos de recordo a bordo (sen ningunha outra intención, que non había facebook) sen decatárense nin sequera de meter barriga. Ai, de telo sabido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Camilo Friol Estudou xornalismo en Santiago. Traballou nos xornais La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia e El Progreso e ten colaborado con outras publicacións como o semanario Terra Chá, ou os xornais dixitais GZNación.com e Terra e Tempo. De setembro de 2005 a decembro de 2012 foi responsable de prensa do BNG no Concello de Lugo e desde xuño de 2014 responsable de prensa do BNG na Deputación de Lugo.