O último “atentando ecolóxico” da Xunta: aprobar 6 parques eólicos sobre "hábitats prioritarios"

O ecoloxismo galego únese para obrigar á Xunta a dar marcha atrás nestes proxectos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/01/2021 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Continúan as mobilizacións ecoloxistas contra a implantación de novos parques eólicos sobre chan galego. O derradeiro berro desta loita sostida contra as políticas da Xunta de Galicia vén de ser secundado por unha longa listaxe de plataformas verdes unidas por un mesmo obxectivo: protexer unhas brañas para evitar que un parque eólico as destrúa. O espazo a preservar non é outro que as Brañas de Valadares, situadas no municipio Coruñés de Outes.

Zona húmida
Zona húmida | Fonte: Ecoloxistas en Acción

A finalidade da campaña –secundada por Petón do Lobo, Cova Crea, O “Ouriol” do Anllóns , a Plataforma Monte das Salgueiras , a Veciñanza do Cerqueiral, a Asociación Quijote de Outes e Ecoloxistas en Acción—pasa porque a Xunta inclúa as nomeadas brañas no seu inventario de zonas húmidas. Deste xeito, a especial protección que carrexaría este novo status impediría –din as plataformas—a instalación de eólicos sobre estes ecosistemas. "Este tipo de brañas son hábitats prioritarios e de vital importancia que albergan distintas especies de fauna e flora altamente sensibles e escasas", subliñan.

En concreto, o proxecto a evitar vai polo nome de Maragouto e é responsabilidade de Green Capital Power. Non se trata, con todo, do único parque proxectado sobre unha zona húmida, que contan cun especial papel no ecosistemas galegos. Segundo denuncian os asinantes, o campo eólico proxectado na serra de San Mamede en Ourense tamén provocaría unha agresión ambiental semellante, ao causar grave dano sobre hábitats que, sinalan, cómpre protexer.

CAMBIO CLIMÁTICO

“Os humidais son as arterias e as veas da paisaxe”, explican dende as plataformas asinantes, que lembran que “achegan auga doce, garanten a subministración de alimentos e axudan a manter a biodiversidade do planeta”, á parte de servir de escudo fronte ao cambio climático. Por iso cargan contra o “desenvolvemento desordenado de infraestruturas eólicas en Galicia”, que, subliñan, “agrava” a xa de por si negativa tendencia destas áreas especiais. 

Esta non semella ser materia de preocupación para as autoridades autonómicas. De acordo cun comunicado das plataformas implicadas, a Xunta prevé construír ata 6 parques eólicos sobre zonas húmidas, contando entre eles o éolico do Cerqueiral, o proxecto de Salgueiras, o de Uxo e o chamado Coto das Airas. A estes habería que sumar os xa mencionados de San Mamede e Maragouto, no que hoxe se centra a loita das plataformas verdes; un plan que as asociacións asinantes cualifican de “atentado ecolóxico”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta