BNG e PSdeG critican o discurso de Feijóo: "esqueceuse da xente"

O BNG recrimínalle non defender os "intereses" dos galegos. O PSdeG critica que está "ausente". Galicia en Común cualifica de "artificial" o discurso de Feijóo e recrimínalle a falta de "propostas". O PPdeG reivindica o "ton de humanidade" do presidente da Xunta e a súa política de "feitos" e EU denuncia que "esquece ás familias e aos máis afectados".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/12/2020 | Actualizada ás 16:46

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, foron moi críticos este xoves co discurso de Fin de Ando do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Así, denunciaron que non deu a "talla" nesta crise, "desertou" das súas funcións e "esqueceuse" da xente.

Neste sentido, Pontón dixo que "resume o que foi unha constante do Goberno do PP ao longo da pandemia: a deserción das súas funcións na xestión dunha crise sen precedentes en tempos de paz". "Galicia deu a talla nesta crise, sen ningunha dúbida, pero o Goberno de Feijóo non". "Os galegos e as galegas estiveron á altura, dando o mellor de si, cun comportamento exemplar, reacionando desde a solidariedade e desde a coraxe ante esta crise", criticou.

"Pero enfronte só tiveron un Feijóo instalado na improvisación permanente, incapaz de anticiparse e dar solucións, incapaz de aprender dos erros, un presidente da Xunta que non toma nota das leccións que deixa a pandemia", engadiu. A dirixente nacionalista apelou a "blindar a sanidade pública" e a pór en marcha un "novo modelo de coidados das persoas maiores que garanta unha vellez digna". Respecto diso, afirmou que desde o BNG van traballar para que o próximo ano "sente as bases da reactivación económica e social e se fortalezan os servizos públicos que se demostraron imprescindibles nesta crise".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a sesión de control na Cámara.. Xunta de Galicia
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a sesión de control na Cámara.. Xunta de Galicia

PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, fixo hoxe un balance crítico da xestión da Xunta neste ano que remata pois considera que o goberno galego estivo “ausente” e “insuficiente” á hora de dar protección e respaldo aos sectores afectados pola crise derivada da covid e protexer á xente.

"Para tentar ocultar esa inacción, como dixo Gonzalo Caballero, Feijóo está tentando facer “unha cortina de fume a través da confrontación co goberno de España", sinalou.  “Feijóo sitúase detrás dun falso España nos roba”, criticou o líder do PSdeG, en relación ás súas queixas sobre os fondos REACT da Unión Europea e sinalou que as críticas de Feijóo só buscan confrontar co goberno de España.

GALICIA EN COMÚN

Tamén o deputado de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, cualificou de "artificial e vacuo" o discurso ao que lle recrimina a falta de "propostas". "Un exercicio máis de propaganda en plasma que disimula a total inhibición do presidente galego na xestión da pandemia". "Evita o esencial: definir unha folla de ruta para a recuperación do noso país", sostivo

"O discurso é outro exemplo máis do que Feijóo e o PP representan na Xunta de Galicia: un presidente máis preocupado dos seus intereses políticos e de erosionar e sabotear a acción do Goberno que de tecer redes", dixo.

PPdeG

Pola contra, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, reivindicou o "ton de humanidade" do discurso "nunha época na que é máis necesario que nunca". Na súa valoración da mensaxe, Tellado afirma que Feijóo "ratificou o seu compromiso cun pobo que aínda está a sufrir as consecuencias dunha crise sanitaria, social e económica sen precedentes".

"E non o fai só con palabras, senón con feitos", asevera nun comunicado no cualifica o goberno dos populares de "responsable, rigoroso, serio e estable". "Que tamén demostrou capacidade de xestión e de anticipación para afrontar unha situación que ninguén podía imaxinar nin nos seus peores soños".

EU

Esquerda Unida denunciou a "banalización" da situación das persoas maiores e dos servizos públicos no discurso de Núñez Feijóo. Así sobre as referencias do titular do Executivo galego aos falecidos e as súas familias, ao persoal sanitario ou de residencias, afirma que "Núñez Feijóo esquece que son esas familias as principais vítimas da ausencia de axudas sociais autonómicas, que son as sanitarias e sanitarios e o persoal das residencias as que padecen a tensión laboral derivado dos seus recortes".

Para Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, "que Feijóo retome o discurso da heroicidade do persoal sanitario xusto cando máis está a aplicar a precariedade laboral no Sergas é indignante".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta