Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2021 | Actualizada ás 09:00
Foi polo ano 2018 que a estudante galega Jessica Ocampo, que entón contaba con 20 anos, decidiu lanzar unha iniciativa pioneira na visibilización da violencia machista: o Mapa do Medo. Consistía nun documento visual que recollía todas aquelas agresións machistas que teñen lugar na vida cotiá, no día a día, e que non sempre saen á luz. O Mapa do Medo conseguiu atención mediática estatal e xerou múltiples exemplos paralelos en imitación e homenaxe.
Un deles é o aloxado na web da Marcha Mundial das Mulleres, unha plataforma galega que leva o reconto máis alá para cuantificar o número de mulleres falecidas a mans da violencia machista dentro das fronteiras galegas. A recompilación destas tristes cifras vai dende unha distribución máis simple na web ata un mapa de Google que recompila, con detalles, a negra fin de cada unha destas mulleres.
En concreto, o documento --que conta con casos dende 2010-- recolle o nome da vítima, a data e lugar do crime e, en certos casos, detalles que axudan a contextualizar tan tráxico suceso. "08/02/2020. Clara María Expósito. 49 anos. Asasinada polo seu compañeiro baixo segredo sumarial. (As Gándaras, Lugo)", reza un. "18/12/2016. Elena Michaela Marcus. 30 anos. Asasinada a coiteladas. (Compostela)". Son, en total, 65 mulleres cuxas historias quedan un pouco máis lonxe de desaparecer grazas á implicación da asociación. Podes consultar o mapa a continuación:
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.