O BNG acusa ao Goberno de "rirse dos galegos" por anunciar a rebaixa da AP-9 no primeiro semestre

Acusan ao Executivo de escudarse nos trámites administrativos para demorar as novas tarifas: "queren que creamos que elaborar ese decreto leva ano e medio?". Losada defende a xestión do Goberno para abaratar as peaxes da AP-9, cuxo encarecemento atribúe ao PP.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2021 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

Lea entre o BNG e o PSOE en Madrid pola baixada dos peaxes da AP-9. A redución das tarifas, comprometida nos PGE que o deputado nacionalista Néstor Rego non apoiou, terá lugar, segundo destacan dende Moncloa, "no primeiro semestre" do ano; unha dilación que o deputado nacionalista considera "inaceptábel" e pola que esixiu unha rectificación inmediata ao goberno.

Néstor Rego, deputado do BNG. BNG
Néstor Rego, deputado do BNG. BNG

A cuestión da baixada de prezo dos tramos é que vén comprometida por unha partida orzamentaria que, segundo destaca o BNG nun comunicado, leva elaborada dende o acordo de investidura, hai agora un ano. O Bloque vén de inquirir nunha iniciativa no congreso por que o Ministerio de Transportes non preveu "ao longo do ano 2020" as modificacións orzamentarias que agora estarían obrigando a adiar a redución.

“É absolutamente inadmisíbel que a estas alturas se estea a falar dun prazo de seis meses cando tiveron desde xaneiro de 2020 para prever os cambios normativos necesarios", subliñou Rego antes de cargar con dureza contra a actitude do goberno central. "Queren que creamos que elaborar ese decreto leva ano e medio? É que pretenden rirse de todos os galegos e galegas? O BNG non o vai consentir”.

MOBILIZACIÓNS

Neste aspecto, a formación nacionalista anuncia que, "se o Ministerio non cumpre", chamará "a sociedade galega a se mobilizar para lograr aplicar xa unha medida tan agardada". Rego reiterou, neste aspecto, que a fronte nacionalista considera "máis que suficientes tres semanas" para que o Ministerio poida proceder a aprobar os cambios regulamentarios e a aprobar o Real Decreto. O Bloque marca como limiar o 1 de febreiro, "como moi tarde", para que entren en vigor as novas tarifas.

SEN DATA DE INICIO

Na mesma xornada, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, afeou ao Partido Popular que a autoestrada AP-9 "debería estar libre de peaxe desde hai anos" e destacou que o actual Executivo central ofrece unha "resposta histórica" coa rebaixa do custo anunciado polo Ministerio de Transportes.

 

"Estamos a resolver unha decisión do goberno do PP, polo cal unha autoestrada que tiña que ser pública e libre de peaxe ten que estar suxeita a peaxe por concesión", subliñou. A preguntas dos medios de comunicación nunha rolda de prensa na Coruña, Losada rexeitou concretar cando podería entrar en vigor o "abaratamento", pero si explicou que non serán unha "cuestión puntual". Os descontos, dixo, "faranse durante toda a vida desta concesión".

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta