Expertos asesores da Xunta ven "razoable" eliminar un 5% de eucaliptos en 2040

Acordan avaliar anualmente o novo plan forestal. O conselleiro de Medio Rural resalta que recolle un 75% das recomendacións da comisión de incendios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2021 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

O plan forestal, que prevé eliminar un 5% da superficie de eucaliptos en 2040 tras multiplicarse nos últimos anos, avaliarase anualmente por se son necesarias medidas de "control" a medida que avance.

O catedrático de Silvicultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Roque Rodríguez, explica que o plan forestal conta con 51 intervencións sobre seis eixos estratéxicos nunha planificación a 20 anos.

Así, o fin de rebaixar un 5% a superficie de eucalipto --20.000 hectáreas converteranse en masas doutras árbores-- enmárcase nos "obxectivos, en principio, razoablemente alcanzables", aínda que se verá "en detalle" a evolución anual de cada especie, pois ata agora só existía unha información "moi parcial". Deste xeito, poderán implementarse medidas correctoras en "caso de que sexa necesario".

En declaracións antes da reunión telemática deste venres do Consello Forestal, o conselleiro de Medio Rural, José González, explica que este plan forestal segue o centenar de directrices marcadas polo grupo de traballo creado en 2015 para este fin. O conselleiro remarca que se basea en 92 das 123 recomendacións (o 75%) do ditame da comisión de incendios do Parlamento galego, xa que o 25% restante inclúese na nova lei de recuperación de terras.

"CONTAKILÓMETROS" DO PLAN

Pola súa banda, o doutor en Enxeñaría de Montes da Universidade de Vigo Juan Picos indicou a importancia de desenvolver o inventario forestal continuo de Galicia, que funcionará como "contakilómetros" do plan forestal, cun seguimento detallado da evolución das distintas especies.

Con este "contakilómetros" poderanse tomar decisións correctoras "sen aprazalas 10 ou 15 anos". Pon en valor que se establezan diferentes medidas como o Banco de Terras, incentivos económicos, mobilidade de terras e prohibicións para a mellora da xestión.

CIFRAS

O plan forestal prevé un investimento de 4.900 millóns de euros ata o ano 2040 --4.000 millóns deles serán públicos--. Así, fíxase como obxectivo alcanzar as 425.000 hectáreas ocupadas por frondosas autóctonas.

No caso concreto do castiñeiro, o plan contén unha liña estratéxica pensada para a conservación e posta en valor desta especie. Prevese actuar sobre 8.000 hectáreas nos próximos 20 anos para recuperar soutos tradicionais, mentres se plantarán 16.000 hectáreas tanto para a produción de castaña como para a xeración de madeira.

Haberá unhas curtas anuais de ata 12 millóns de metros cúbicos en 2040, fronte aos máis de 9 millóns actuais. Tamén haberá liñas de traballo para o control de especies invasoras como as acacias, cun programa que abarcará unhas 1.000 hectáreas.

Reunión do Consello Forestal. COPYRIGHT: XOAN CRESPO / XOÁN CRESPO / Europa Press
Reunión do Consello Forestal. COPYRIGHT: XOAN CRESPO / XOÁN CRESPO / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta