Por Galicia Confidencial | Ourense | 07/07/2013 | Actualizada ás 08:07
Os traballadoresde T-Solar permanecen pechados nas instalacións da empresa ourensá dende o martes para evitar o desmantelamento da fábrica. Os asalariados reclaman a intervención da Xunta e do administrador concursal no conflito. Cómpre lembrar que esta compañia recibiu 65 millóns de axudas públicas nos últimos cinco anos.
En xogo están uns 170 empregos da segunda fábrica de paneis solares máis grade do Estado. A compañía en concurso de acreedores está a negociar a súa venda a británica Sunfilm UK.
Dende a CIG-Metal de Ourense lembran que aínda non hai confirmación oficial de que se paralizou o desmantelamento da fábrica, polo que o peche "continuará até que se logre o compromiso de manter a sección de subministro de gas".
Os afectados decidiron ocupar a empresa o martes pola mañá para evitar o desmantelamento da instalación de gas, necesaria para a fabricación das placas solares.
Dende a central nacionalista lembran que aínda non existe confirmación oficial por escrito sobre o anuncio feito polo administrador concursal de que a compañía que subministra o gas vai paralizar o desmantelamento desta sección o tempo necesario para avaliar as ofertas de compra da fábrica.
Ao mesmo tempo, reclámanlle á Xunta e ao administrador concursal que inicie coa máxima urxencia os contactos cos empregados para avaliar conxuntamente a viabilidade de todas as ofertas de compra da empresa. “Non imos deixar pasa o tempo e que os posíbeis compradores retiren as súas ofertas”, sinala o secretario comarcal da CIG-Metal de Ourense, Xosé Lois Freire.
Finalmente, instan o Goberno galego a que “depoña a súa actitude pasiva” tendo en conta a gran cantidade de recursos públicos achegados no seu día para a posta en marcha da empresa e demándanlle á Consellería de Industria que negocie coa administración concursal para lograr o aprazamento do demantelamento da sección de gas e que fixe un calendaio para analizar as ofertas de compra. O Concello de Ourense tamén reclamou ao Goberno Galego que se implique nas negociacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.