Vieites, único candidato á presidencia da patronal galega, que busca saír da súa crise interna

Conta co aval de Lugo, provincia que lanzou a súa candidatura, e tamén de Pontevedra e A Coruña.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2021 | Actualizada ás 12:38

Comparte esta noticia

A candidatura de Juan Manuel Vieites para as eleccións á presidencia da confederación de empresarios de Galicia (CEG) é a única que recibiu a patronal galega ao peche do prazo de presentación, ás 12,00 horas deste xoves 14.

Ademais do aval de Lugo, que foi a provincia que lanzou a súa candidatura e onde o ata agora secretario xeral de Anfaco presenta o seu programa este xoves nunha convocatoria pública co apoio de Antonio Fontenla, presidente na Coruña, Vieites sumou o respaldo da confederación pontevedresa, onde é vicepresidente.

Así consta nun escrito presentado este xoves polo presidente dos empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiro, quen precisou, consultado por Europa Press, que a súa organización volverá dar "liberdade de voto e convidar a votar a todo o mundo, tanto telemática como presencialmente".

A asemblea electoral, onde se realizará a votación presencial, está convocada para o xoves que vén, día 21. Antes, este venres, está prevista unha xunta directiva para a proclamación das candidaturas.

A CEG leva anos de conflitos internos que se traduciron en varias dimisións, a última o pasado novembro, cando José Manuel Barreiros deixou o cargo apenas 48 horas despois de saír elixido, por dúbidas sobre como se desenvolveu o proceso.

En paralelo ao aval de Lugo e Pontevedra, e ao respaldo que este xoves mostrou Antonio Fontenla pola Coruña na convocatoria de Vieites en Lugo, varias organizacións sectoriais consultadas por Europa Press manifestaron a súa intención de dar un voto de confianza a Vieites, para pasar páxina na crise que arrastra a patronal galega nun momento no que tanto os empresarios como a administración requiren a súa participación para aproveitar os fondos de reconstrución ante a crise da covid-19.

O secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan Vieites, tras a inauguración da Conferencia Mundial do Atún
O secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan Vieites, tras a inauguración da Conferencia Mundial do Atún | Fonte: Europa Press

"UNIDADE EMPRESARIAL"

O vigués Juan Manuel Vieites aspira a reforzar a confederación de empresarios de Galicia e para iso apelou ao "esforzo, traballo e unidade empresarial" durante a presentaión das principais liñas da súa candidatura en Lugo, na sede da confederación de empresarios. Mostrouse "convencido de que avanzaremos xuntos" antes de subliñar que a CEG "está por encima das persoas e é necesaria para que represente ao tecido empresarial galego".

Vieites apostou tamén pola colaboración público-privada e comprometeuse a "pelexar para non deixar a ninguén á marxe" nese obxectivo de "unidade empresarial". "Preséntome por compromiso empresarial e porque é a hora da unidade empresarial de acción", incidiu. Respecto diso, sinalou que coñece "moi ben o asociacionismo empresarial" como "mecanismo de defender aos empresarios, os maiores xeradores de economía, riqueza e tamén emprego".

Neste sentido, viu "fundamental reforzar a CEG na colaboración coas administracións públicas, coa CEOE, coa administración xeral do estado e cos axentes sociais", unha cooperación que "xa tiña e fíxose no día a día pero que hai que reforzar de maneira proactiva". En procura do "benestar e progreso en Galicia e a nivel internacional", asegurou vir "traballar co apoio de todos, tamén formando un equipo profesional e adecuado para defender aos empresarios de Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta