Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/07/2013 | Actualizada ás 08:00
A Fundación Cidade da Cultura acaba de destinar 72.000 euros máis IVE á compra de " de fondos históricos procedentes da hemeroteca histórica da Editorial Compostela SA para a Biblioteca de Galicia". Son "412 tomos de El Correo Gallego do 01.08.1878 ao 31.12.1987", segundo figura no prego do concurso ao que tivo acceso GC.
A Xunta tramitou este contrato pola vía urxente e negociada sen publicidade. Este procedemento é legal e só pode utilizarse en casos de urxencia, para pequenas cantidades ou cando, como neste caso, só hai unha empresa que poda prestar o servizo. Loxicamente, só Editorial Compostela pode subministrar tomos de El Correo Gallego.
A Consellería de Cultura garda silencio
A cuestión é que a Consellería de Cultura xa adicara en 2011 175.000 euros para a "adquisición de fondos históricos procedentes da hemeroteca da Editorial Compostela". E dicir, para o mesmo que agora gasta outros 72.000 euros.
GC consultou aos voceiros da Consellería porque o Goberno só mercaba volumes de El Correo e non de outras editoriais de xornais e porque se investía dúas veces nalgo que aparentemente é o mesmo. O Goberno Galego non respondeu até hoxe á consulta deste xornal.
A Cidade da Cultura leva anos sendo o foco dunha guerra mediática. Atacada pola maioría dos medios polo malgasto na faraónica obra, o Gaiás ten en El Correo Gallego, o diario máis popular en Santiago, o seu principal valedor na prensa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.