Por salvemoscabana (http://www.salvemoscabana.blogspot.com) | GC ABERTO | 09/07/2013
En primeiro lugar, non se pode considerar que a achega económica comprometida pola compañía mineira vaia ter unha incidencia significativa no tecido industrial galego pois na súa totalidade os investimentos serán necesarios para adecuar a explotación, pero non supoñerán en ningún caso a mellora da situación previa na zona para ningún dos tres concellos afectados (Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso), nin para a propia bisbarra.
Doutra banda, o proxecto presentado por Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater presenta unha relación de 271 postos de traballo (dos que 138 serán persoal da propia empresa e 133 a través de subcontratas), cuio único obxectivo é cumprir co requisito mínimo imposto polo artigo 40.2 b da Lei 13/2011 (250 empregos), pero en ningún caso se indica a duración destes, que nalgúns casos poderían ser por períodos moi curtos de tempo, mesmo de meses.
Segundo reflicte a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) aprobada pola Xunta a finais de 2012, a actividade puramente industrial desenvolverase soamente durante un período de 8,1 anos, o que non cumpre cos fins da lei 13/2011, que indica a necesidade de "procurar a creación e mantemento de postos de traballo de calidade".
Por outra parte, o artigo 40.2 a da Lei 13/2011, recoñece a "importancia tecnolóxica" dos proxectos industriais cualificados como estratéxicos, feito totalmente incompatible cunha pretendida explotación como a de Corcoesto que utilizará 546.000 kg anuais de cianuro de sodio durante o proceso de recuperación do ouro (lixiviación), tecnoloxía totalmente obsoleta que está prohibida en países da UE como Alemaña e República Checa.
En relación a isto, o Parlamento Europeo sinalou na súa resolución P7 TA(2010)0145, do 5 de maio de 2010, que pide á Comisión e aos estados membros que "non presten apoio, de forma directa ou indirecta, a ningún proxecto mineiro na UE en que se empreguen tecnoloxías mineiras a base de cianuro" ao considerar "que o uso de cianuro en minaría crea pouco emprego e só por un período de entre oito e dezaseis anos, pero pode provocar enormes danos ecolóxicos transfronteirizos que, polo xeral, non son reparados polas empresas explotadoras responsables, que adoitan desaparecer ou declararse en quebra, senón polo Estado correspondente, é dicir, polos contribuíntes".
Finalmente, dende Salvemos Cabana non alcanzamos a comprender como pode ser declarado como industrial estratéxico un proxecto de explotación como o de Corcoesto cuia viabilidade está directamente condicionada polo prezo do recurso. Recordamos que ao peche do segundo trimestre do ano o prezo do ouro caeu case un 23 por cento, a maior perda trimestral da que se ten rexistro, despois de tocar o seu menor prezo nos últimos 40 meses, e que se a cotización media foi de 1.417 dólares por onza troy (aproximadamente 31 gramos), a día de hoxe cotiza en 1.252 (973 euros), e os expertos indican unha clara evolución á baixa do recurso aurífero e o fin da situación de burbulla financeira vivida por este metal durante os últimos cinco anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.