Conta atrás para a inmunidade de grupo en Galicia: "sería un fracaso non chegar a ela antes do verán"

Os expertos piden regresar ao confinamento duro ante o aumento "histórico" de casos, que poderían seguir medrando ata “dúas semanas máis”. Co colapso das UCI ao axexo, as voces máis autorizadas son claras: "foi un erro permitir o Nadal".

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Ás 8 da tarde do sábado 16 a Ponte Pasaxe da Coruña era un fervedoiro de luces azuis deslizándose de esquerda a dereita. Ambulancias, a maioría, camiño do hospital. Do outro lado da Ría do Burgo, a Policía Local viña de disolver un control sorpresa no que caeron varios infractores de concellos alleos. Máis luces azuis. Na vila, as cancelas baixadas en cada bar acababan de completar a sensación de excepcionalidade, e nos ollos dos viandantes do paseo líase o medo a ese confinamento estrito que galopa cada vez máis próximo. 

O epidemiólogo Juan Gestal (dereita)
O epidemiólogo Juan Gestal (dereita) | Fonte: Europa Press.

Abondaron dúas semanas para deixar claro que a pandemia non rematara co ano 2020. Transcorrido un mes dende o Nadal, Galicia pulverizou xa case todas as marcas rexistradas dende o mes de marzo. O pasado martes 19, a Comunidade conquistou o triste récord de encadear 7 xornadas por riba dos 1.000 contaxios novos, deixando xa atrás a tan temida barreira dos 10.000, ata agora só bordeada en 4 escasos días do mes de novembro. 

Neste contexto, a ollada do expertos queda posta no número de ingresos hospitalarios. O colapso sanitario, que ata hai pouco era pouco máis que unha pantasma, axexa hoxe como unha posibilidade cada vez máis firme no caso de que as novas medidas da Xunta de Galicia non logren conter o avance da pandemia. Na área sanitaria da Coruña, nestes momentos a máis castigada, xa se deron casos de sanitarios pedindo o “autoconfinamento” ante unha situación límite.

MEDIDAS “INSUFICIENTES”

“Estamos coas maiores cifras de incidencia de toda a pandemia”, subliña o epidemiólogo Juan Gestal, unha das figuras que está a seguir máis de preto a evolución das cifras en Galicia. Outro profesional, que prefire non dar o seu nome, corrobora a gravidade da situación que, nestes momentos, atravesa a comunidade galega: “estamos nunha situación de perigo extremo. Nin na primeira vaga, cando estabamos tan fastidiados, había tal número de contaxios”, explica. 

Rúa do Paseo de Ourense este nadal. Rosa Veiga - Europa Press
Rúa do Paseo de Ourense este nadal. Rosa Veiga - Europa Press

A cuestión de fondo nos datos que, día a día, seguen á alza, é se as medidas actuais están abondando para atallar a pandemia. O réxime de restricións parciais que desenvolve a Xunta non acaba de convencer a parte dos especialistas. “Son medidas insuficientes”, explica a fonte experta, en contacto cun dos principais centros hospitalarios de Galicia. Para este sanitario, o obxectivo pasa por regresar ao tan temido confinamento estrito: “penso que agora mesmo sería a única medida eficaz para cortar a transmisión comunitaria”.

“NON VOLVEREMOS AO CONFINAMENTO”

A problemática do confinamento está, paradoxicamente, nas institucións. O Goberno de Sánchez, que en marzo decretou o estado de alarma sen miramentos, négase agora a conceder o illamento domiciliario ás comunidades que o demandan; quizais para non ter que ampliar a débeda pública do Estado, en máximos históricos. Tamén a Xunta de Galicia se mostra reticente á idea. Feijóo xa rexeitou abertamente o confinamento, anunciando que o Goberno galego, en troques, loitaría por baixar o toque de recoller ata as 20:00 horas.

É por isto que, a ollos dos expertos consultados por GC, a opción do confinamento non está na axenda da próximas semanas. “Todo apunta a que non volveremos a estar confinados”, valora Juan Gestal. O epidemiólogo da USC deixa claro, con todo, que a opción permitiría aliviar gran parte da presión que hoxe exerce a pandemia. “Se o confinamento chega será xa moi tarde”, explica. “Isto suporá máis sufrimento, máis mortes e maior risco de que colapse o sistema sanitario”, engade.

MÁIS CASOS DOS NOTIFICADOS?

O papel permisivo de Goberno e Xunta xera moitas dúbidas pola “gravidade” da circunstancia actual, en palabras de Gestal. Na semana transcorrida entre os días 12 e 19, os hospitalizados por covid en UCIs galegas medraron a un ritmo do 7%, pasando de 70 a 114. A cifra máxima da pandemia --177-- queda aínda lonxe pero, de acordo coa fonte experta, é probable que os ingresos continúen aumentando a bo ritmo. “Calculo que seguiremos á alza 10 días ou dúas semanas máis”, sinalou na mañá do venres 15.

Por se fora pouco, os indicadores da propia Xunta de Galicia revelan que o volume real de contaxios é maior que o publicado. GC xa informou sobre a importancia da taxa de positividade á hora de ilustrar o nivel de control da pandemia, unha proba que Xunta e Goberno suspenden con contundencia. O caldo de cultivo queda completado por un sistema de rastrexo con extraordinarias deficiencias xa reportadas por este xornal. 

“O máis preocupante é que non se está a facer un seguimento correcto dos positivos”, explica o sanitario consultado, crítico coa decisión do Sergas de dar altas a persoas illadas sen practicar PCRs de confirmación. “Na ampla maioría estas persoas non contaxian, pero sempre hai unha marxe residual na que queda risco”, engade a mesma fonte. 

INMUNIZADOS ANTES DO VERÁN?

Neste contexto, e co confinamento como unha opción pouco probable, a vacina perfílase como a grande esperanza de sanitarios e sociedade. Gestal asegura que o reparto das doses “comezou moi lento” pero que, nas últimas xornadas, comeza a coller a forza necesaria para cumprir cos plans máis optimistas. O epidemiólogo da USC non dubida que acadaremos a inmunidade de grupo antes de fin de ano, e vai máis alá: “sería incluso un grande fracaso que non fose xa antes do verán”.

Por suposto, antes de chegar á luz queda aínda túnel. Galicia enfrontará as próximas semanas de pandemia pisando territorio ata agora descoñecido. Como responderán os hospitais ao incremento de casos máis alá dos 10.000 contaxios? Aguantarán as UCIs o envite da terceira onda? Neste cúmulo de dúbidas, a única cuestión certeira pona a fonte anónima consultada por GC: “a apertura practicamente total que houbo no Nadal foi un gran erro”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta