Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2021 | Actualizada ás 11:49
A Xunta incluíu entre os motivos xustificados para non cumprir os peches perimetrais decretados pola covid-19 na comunidade o coidado de hortas ou animais e a asistencia a academias ou clases de reforzo, entre outras accións de formación. En concreto, o decreto publicado este martes no Diario Oficial de Galicia --que entrará en vigor na medianoite do mércores ao xoves-- modifica a listaxe de causas xustificadas para cruzar un peche perimetral en dous epígrafes que agora se autorizan de forma explícita.
O primeiro deles fai referencia ao "coidado de hortas e animais", mentres que o segundo menciona a posibilidade de saltar este peche para a asistencia a academias de idiomas, clases de reforzo educativo de materias incluídas nos plans de estudos regulados, conservatorios e escolas de música ou para a preparación de procesos selectivos en academias ou centros de formación.
A maiores, como ata agora, considérase xustificado cruzar un peche perimetral para a asistencia a centros, servizos ou establecementos sanitarios; para o cumprimento de obrigacións profesionais, empresariais, institucionais, sindicais ou legais, e para a asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas escolas de educación infantil.
Tamén se poden vulnerar para o retorno á residencia habitual ou familiar, para a asistencia e coidado de persoas maiores, menores dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerables, e para acudir a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.
Finalmente, tamén se inclúen como xustificadas as actuacións requiridas ou urxentes ante órganos públicos, xudiciais ou notariais; renovación de permisos e documentación oficial, así como outros trámites inaprazables; realización de probas ou exames oficiais inaprazables ou por causa de forza maior ou actividade análoga debidamente xustificada.
CAZA DE XABARIL E LOBO
Por outra banda, o decreto volve incluír que quedan exceptuadas das limitacións de entrada e saída dos municipios pechados, así como das restricións de permanencia máxima de grupos de persoas, as accións de caza colectiva que se realicen sobre o xabaril e o lobo. En concreto, limítanse ás accións de caza de xabaril incluídas na planificación aprobada para a tempada 2020/2021 dos plans de aproveitamento cinexético dos Tecor e accións autorizadas especificamente en terreos de réxime cinexético común.
Tamén contarán con esta posibilidade as accións de caza con ocasión de danos á agricultura ou á gandaría ocasionados polo xabaril ou o lobo, tras a súa comprobación polas autoridades, e accións de caza como consecuencia de accidentes graves de tráfico reiterados nun mesmo punto quilométrico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.