San Simón Fiddle

Pasei a fin de semana convidado no San Simón Fiddle, ou o que é o mesmo, un campamento infantil e xuvenil centrado no violín, organizado e dirixido polos máis importantes mùsicos folk do noso país e que pon durante unha semana a convivir a medio cento de nenos, nenas, mozos e mozas, para aprender música xuntos, mais tamén para falar de literatura, tocar xuntos, relacionarse, xogar e, en definitiva, vivir emocións e experiencias arredor da música.

Por Francisco Castro | Vigo | 16/07/2013

Comparte esta noticia
Abeirados pola soidade da illa e gozando das instalacións e o coidado do persoal encargado da mesma, tiven ocasión de descobrir xa non só o inmenso da música de nós, senón o desta actividade que, entre outras moitas cousas divertidas, realizou unha conexión via internet con Oregón, con outro fiddle, para que os dos Estados Unidos visen tocar aos nosos cancións tradicionais dalí e, aos de Oregón, cantar e tocar temas galegos.
 
Impresionoume ver aos estadounidenses cantando "A regueifa está na mesa", con toda a naturalidade do mundo, e tiñades que ver a cara dos norteamericanos cando escoitaron aos nosos cantar e tocar o "Sweet low". A demostración de que a música non ten fronteiras e de que sempre une o que as políticas afastan. Como me impresionou facer unha viaxe dende a illa ao peirao de Chapela para cantar dende alí ás familias de toda a cativada alucinada. Nunca un barco foi mellor pentagramado.
 
Pola miña banda, fixen o que puiden cun obradoiro literario que pretendeu demostrar que a música e a literatura serven basicamente para o mesmo: provocar emocions.
 
Pasar eses dous días na compaña de xente que admiro profundamente coma Anxo Pintos, Alfonso Franco, Begoña Riobó ou Sés, espertar vendo a ría ou adormecer abeirado ao son das ondas de Martín Códax é algo que non vou esquecer facilmente.
 
Unha iniciativa que cómpre apoiar e que, na medida do posible, cómpre amplificar. Para que chegue a canta máis xente mellor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro