Sinalan a mina de Landoi como fonte dos altos niveis de níquel e cromo en sedimentos da ría de Ortigueira

Unha nova achega científica aporta máis datos que relacionan as "concentracións extremadamente altas” de metais na desembocadura do río Landoi e do porto de Cariño cos lodos da mina de dunita.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/01/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os sedimentos da ría de Ortigueira “mostran altas concentracións de elementos tóxicos”. Máis detalladamente, “nalgunhas zonas, as concentracións de níquel e cromo son extremadamente altas”. Esta é a alerta que lanza un grupo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) na revista científica Marine Pollution Bulletin, na que resumen os principais achados feitos nesta ría.

Mina de dunita en Landoi que explota Pasek Minerales S.A.U.
Mina de dunita en Landoi que explota Pasek Minerales S.A.U. | Fonte: Google Maps.

Os datos do seu estudo indican que “o enriquecemento de metais debíase ao vertido de lodos dunha mina de peridotita”. Refírense á canteira que explota desde 1972 a empresa Pasek Minerales S.A.U. en Landoi (Cariño), da que extrae dunita, un tipo de peridotita (rocha plutónica ultramáfica).

No estudo analizáronse as concentracións de ferro, aluminio, manganeso, calcio, cromo, cobalto, zinc, níquel, cobre, chumbo e cadmio nas súas diferentes formas xeoquímicas, en 117 mostras de sedimentos superficiais de toda a ría: parte interior, media e exterior.

O que atoparon foi que, aínda que a ría de Ortigueira “está ben conservada, con todo, os sedimentos mostran altas concentracións de elementos tóxicos”, con “concentracións extremadamente altas de níquel e cromo nalgunhas zonas, mentres que as concentracións doutros elementos tóxicos estaban dentro dos rangos normais”.

Máis detalladamente, “níquel, cromo e cobalto estaban presentes en altas concentracións en toda a ría, especialmente nas zonas interior e media”, explican.

As concentracións de níquel e cromo atopadas foron “de 10 a 20 veces maiores aos valores de referencia medios suxeridos para os sedimentos mariños e aos valores observados en sedimentos mariños noutros puntos de Galicia (por exemplo, ría de Ferrol, Vigo e Arousa)” e a concentración de cobalto foi “dúas veces superior”.

A distribución espacial destes tres elementos na ría indicou a existencia de dúas localizacións con “contido anormalmente alto” destes elementos: unha é a desembocadura do río Landoi (concentracións máximas de Ni = 1080 mg kg - 1, Cr = 567 mg kg - 1, Co = 71 mg kg – 1); a outra zona máis contaminada é a área do porto de Cariño (Ni = 597 mg kg - 1, Cr = 194 mg kg - 1, Co = 32 mg kg - 1), que se atribúe ao almacenamento e manipulación de peridotita.

O contido medio de calcio foi “particularmente alto” na zona media da ría (27,2 ± 9,6%) e os valores foron máis baixos na exterior (8,7 ± 2,5%). A presenza deste mineral nos sedimentos, explican, está “intimamente asociada ao contido de carbonato de calcio bioxénico”.

O contido de aluminio oscilou entre o 0,7 ± 0,5% na parte exterior da ría e o 1,3 ± 0,7% na interior, e o de ferro, entre o 2,2 ± 0,4% e 3,0 ± 0,7% respectivamente.

Pola contra, o manganeso, que é “un elemento atopado a altas concentracións en peridotitas serpentinizadas”, foi máis abundante na zona media da ría (6,2 ± 1,2%) e na interior (4,6 ± 1,7%) que na exterior (4,03 ± 1,2%). Observouse, ademais, que este elemento estivo “altamente correlacionado cos tres metais máis abundantes nos sedimentos, cobalto, cromo e níquel", o que "indica a relación entre estes tres elementos e as dunitas serpentinizadas”, expoñen.

A distribución espacial de cobre, zinc, cadmio e chumbo diferiu, e estes elementos asociáronse a sedimentos do río Mera, na parte interior da ría. “As concentracións destes catro elementos atopábanse xeralmente (agás algunhas mostras anómalas) dentro do rango de valores característicos dos sedimentos mariños de arxila, con baixo impacto de contaminación”, clarifican. Sobre esas anomalías, aclaran que “os altos contidos de cobre, zinc e ferro estaban relacionados coa influencia dunha antiga mina de sulfuro metálico (principalmente calcopirita) presente na cunca do río Mera e quizais polo entrada de cadmio asociada ao uso de fertilizantes fosfatados en campos de cultivo próximos”.

RISCO ECOLÓXICO POTENCIAL

Os investigadores calcularon o risco ecolóxico potencial para as tres zonas da ría. Os valores indicaron un risco moderado para o conxunto da área, pero obtivéronse valores altos para a desembocadura do río Landoi e os arredores do porto de Cariño (zonas interior e media).

Os factores de risco ecolóxico individuais para o cobalto, cobre, chumbo e zinc “indicaron xeralmente un risco baixo para as tres zonas da ría”; porén, “nalgunhas ocasións o risco ecolóxico foi moi alto para níquel e baixo para cromo na enseada de Esteiro e alto para níquel nos arredores do porto de Cariño”, detallan.

O estudo está asinado por investigadores da USC adscritos á Agrupación multidisciplinar CRETUS (Cross-disciplinary Research in Environmental Technologies), á Área de Enxeñaría Hidráulica e á Rede de Estacións Biolóxicas da institución académica. O traballo forma parte do proxecto de investigación ‘Seguimento de procesos bioxeoquímicos en lagoas costeiras en relación coa súa calidade ambiental e resposta ao cambio climático’.

Con esta nova achega tentan fortalecer os resultados xa publicados no ano 2000 na revista Environmental Pollution nos que relacionaban a presenza de metais nos sedimentos da enseada de Esteiro cos lodos xerados pola mina de dunita.

ESTUDO DO CSIC

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, publicou en 2014 os resultados dun estudou do ciclo bioxeoquímico do cromo e do níquel na contorna de cabo Ortegal e na ría de Ortigueira, o que “permitiu determinar por primeira vez as principais rutas de transporte destes metais cara ao mar e para avaliar a posible contaminación en sedimentos e organismos mariños. Porén, estes científicos descartaron a fonte industrial e apuntaron a unha orixe natural.

“O cromo e o níquel son metais comúns na codia continental do noso planeta. En Galicia a súa presenza é descontinua, aínda que se coñece a súa abundancia de minerais dos macizos Limo e Herbeira no complexo xeoquímico de Cabo Ortegal. Neste contexto, deseñouse unha investigación multidisciplinar que abarcou dende a determinación das rutas de transporte destes metais ata a ría de Ortigueira ata a avaliación da posible contaminación ambiental na rexión por cromo e níquel e se se acumulan en seres vivos”, explicou no seu momento Ricardo Prego, profesor de investigación do CSIC e coordinador do proxecto científico.

Para determinar as rutas de transporte de cromo e níquel desde as súas fontes minerais no complexo xeoquímico de Ortegal ata as rías, os científicos recolleran mostras quincenais de auga dos ríos preto da desembocadura dos regatos Lourido e Landoi e do río Mera, e na estación meteorolóxica de Estaca de Bares.

“Observouse que os tres fluxos transportan tanto o cromo disolto como o níquel en suspensión. Os regatos de Lourido e Landoi son as principais vías de transporte de ambos os metais cara á ría de Ortigueira. As súas augas conteñen en solución unha media de 11,3 e 4,8 mg de níquel por metro cúbico e unha media de 1,6 e 4,5 mg de partículas de cromo por metro cúbico, respectivamente. Pola súa banda, as augas do río Mera conteñen 1,0 mg de níquel por metro cúbico e 0,4 mg de partículas de cromo por metro cúbico”, aportaban por entón os investigadores responsables daquela investigación.

“O estudo tamén revelou que o níquel fluvial disolto é catro veces máis abundante que o de partículas mentres que, pola contra, o cromo en partículas fluviais é nove veces máis abundante que o disolto; Xuntos Lourido e Landoi transportan cada ano 143 kg de cromo e 411 kg de níquel á ría de Ortigueira, mentres que o río Mera achega 80 kg de cromo e 212 kg de níquel”, indicaron os científicos.

Estimouse que as achegas pluviais de cromo e níquel á ría de Ortigueira roldaban os 56 e os 53 kg respectivamente e que o caudal é máis abundante durante o período estival e cando o vento sopra do compoñente oeste.

Para avaliar a posible contaminación ambiental na rexión por estes metais, os científicos mediran a súa presenza biolóxica en exemplares de fucus e mexillóns das rías de Ortigueira e O Barqueiro e en sedimentos costeiros superficiais desde Viveiro ata Ortegal.

“Tomando como referencia os valores normais destes metais nos solos de Galicia (80 mg/kg de cromo e 56 mg/kg de níquel), pódese dicir que o sedimento costeiro ao redor do cabo Ortegal e a ría de Ortigueira están moi enriquecidos en ambos os dous metais (ata 1.500 mg/kg de cromo e 1.200 mg / kg de níquel nalgúns puntos), mentres que as rías do Barqueiro e Viveiro teñen niveis naturais”, sinalaban.

Non se pode falar de contaminación, xa que a súa orixe é natural, xa que provén dos minerais presentes no complexo xeoquímico de Ortegal. Non obstante, se nos guiamos polos valores orientativos do efecto nocivo sobre os seres vivos (370 mg/kg para o cromo e 52 mg/kg para o níquel no sedimento), os seres mariños que viven nestes sedimentos poden sufrir danos que afectarían o 60-90% da súa poboación ”, explicaba Ricardo Prego.

“En relación ao mexillón, unha especie que polas súas características pode usarse como indicador biolóxico para detectar a presenza de cromo e níquel nas augas costeiras, os valores naturais de cromo e níquel no seu tecido e cuncha son similares aos os atopados nos exemplares recollidos na ría do Barqueiro, mentres que na ría de Ortigueira son máis altos, ata duplicar os medidos no Barqueiro”, apuntaba.

E remataba: “Estes procesos que observamos no complexo xeolóxico de cabo Ortegal e a súa contorna mariña apuntan cara á necesidade de que as rexións costeiras con singularidades xeoquímicas conten cunha consideración especial nas estratexias de xestión e nas normativas europeas de calidade”.

UNHA POLÉMICA MINA DE DUNITA A CEO ABERTO

Con todo, os científicos da USC identificaron como fonte principal da alta contaminación por cromo e níquel en sedimentos da ría de Ortigueira os lodos xerados por “unha mina de dunita próxima”. Refírense á mina de peridotita a ceo aberto de Landoi (Cariño) que explota Pasek Minerales S.A.U.

A súa principal actividade consiste na extracción e comercialización de dunita, unha rocha de silicato de magnesio que se distribúe a granel para todo o mundo principalmente desde o porto de Cariño, pero tamén desde o de Ferrol e por estrada, destinada fundamentalmente ao sector siderúrxico para a produción de ferro e aceiro, pero tamén para a fabricación de illamentos de viviendas, para fabricar fertilizantes ou para cerámica técnica, entre outras aplicacións.

Esta mina está considerada un dos maiores depósitos de silicato de magnesio de Europa. Calcúlase que os montes da parroquia de Landoi gardan uns 600 millóns de toneladas de dunita.

En 2008 renovouse a concesión do xacemento de dunita de Landoi por outras tres décadas, non sen certa preocupación por parte dalgúns veciños que desde hai anos veñen queixándose doutro problema: o posible impacto do po que se desprende na escavación e no transporte por estrada ata o porto de Cariño, e no propio peirao, onde se almacena o material para ser distribuído por medio mundo.

Unha das últimas denuncias cidadás realizouse en xuño de 2020, cando unha usuaria de Youtube chamada María José Pérez publicaba nesta plataforma un vídeo no que se veía o po en suspensión xerado e que acompaña desta denuncia: “Algunos de los camiones que transportan el mineral hasta el puerto de Cariño no llevan puesta la lona de protección (obligatorio llevarla). Llegados al puerto, el mineral es depositado en el suelo, a cielo abierto en grandes montículos que una grúa organiza. Este polvo que se ve en el video procede de dicha manipulación. Era un día de sol y viento, y no se tomó ninguna medida respecto a esta situación. El mineral es cargado en barcos graneleros a cielo descubierto sin las mínimas condiciones de seguridad y protección para las personas y el medio ambiente. Se han hecho muchas peticiones a la empresa, al Ayuntamiento, a Puertos de Galicia, y todavía no se ha visto ninguna medida efectiva, mientras los casos de cáncer en la zona son excesivamente alarmantes. Seguramente en esta situación haya responsabilidades desde muchos sectores: además de los ya nombrados habría que añadir a Minas, Medio Ambiente...y cada uno habrá de responsabilizarse de la parte que le toca o trabajar en conjunto para solventar este problema”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 El pueblo de Cariño

Lo peor de todo es que nadie toma medidas al respecto. Ni la Xunta ni medio ambiente ni el ayuntamiento hacen nada aparte de mirar para otro lado. Se ve que les importa más la economía que la salud. No se trata de cerrar la mina, se trata de que cumpla las normas tanto en llevar los camiones tapados como en mojar la dunita para que no haya polvo en suspensión, cosa que no creo que sea tan difícil y que además ya se exigió varias veces.