Feijóo sobre a presión nas UCI: "Galicia é toda un hospital e estamos mellor que España"

Nega que se teñan trasladado pacientes UCI de Ferrol a Pontevedra aínda que confirma que aumentarán os pacientes nestas unidades. "Contratamos todos os que puidemos", di sobre a falla de intensivistas nas unidades UCI, "e se hai algún por aí que queira traballar que se poña en contacto co Sergas".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/01/2021 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

Feijóo insiste en que a situación sanitaria e, especialmente, a presión hospitalaria nas UCI está controlada, a pesar de que Galicia pecha o mes de xaneiro coas peores cifras de covid rexistradas en toda a pandemia e co maior aumento de ingresos hospitalarios e en UCI desde o inicio da pandemia. 

Feijóo, tras o Consello da Xunta.. Xunta de Galicia
Feijóo, tras o Consello da Xunta.. Xunta de Galicia

Tras saltar as alarmas en varias unidades UCI, entre elas as da Coruña  --con chamadas de atención constante por parte dos seus sanitarios-- e Ferrol ante o traslado recorrente de pacientes covid a outros centros hospitalarios, o presidente galego dixo que a situación en Galicia é mellor que o resto do Estado e que Galicia ten só ocupadas un 25% das súas camas UCI "fronte a outras partes que superan xa o 50%", dixo.

En todo caso, e a diferencia doutras ocasións, Feijóo utilizou un novo argumento e é o que non existen xa áreas sanitarias para tratar a pacientes senón que "toda Galicia é un gran hospital", no que se poden mover pacientes dun lado a outro. Un argumento co que tenta desacreditar aos sanitarios que denuncian un brutal aumento da presión hospitalario nalgúns centros e a falta de persoal para atender algunhas areas, especialmente, as UCI.

TRASLADOS

Isto está obrigando ao traslado de doentes nas últimas xornadas, especialmente na área sanitaria de Ferrol, que tras derivar pacientes a Lugo fai uns días, acabou mandando tamén a outras áreas sanitarias, como a de Pontevedra. Unha situación que estaría provocada pola saturación que afectaría á totalidade de hospitais da área de Ferrol. Con todo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo, negou eses traslados, e dixo que, polo momento, "só se derivaron a Lugo", algo que desminten os sanitarios.

Precisamente, e ante a posibilidade de novos movementos de pacientes, Feijóo insistiu neste novo argumento de que "toda Galicia é un gran hospital" para defender que se poidan trasladar pacientes dun lugar a outro en función das disponibilidades das unidades UCI. "Un intensivista ou un anestesista non lle vai preguntar ao paciente de onde ven ou cal é o seu hospital de referencia cando o van tratar", indicou. 

E, neste sentido, e ante as queixas de pouco persoal, especialmente de intensivistas, o presidente galego dixo que se "contrataron todos os que se puideron". "Se hai algún por aí que teña interese en traballar que se poña en contacto co Sergas", chegou a dicir. Ademais, defendeu o aumento de camas UCI en Galicia nun 70% tras o inicio da pandemia, "grazas ás doazóns privadas", dixo en alusión aso respiradores recibidos na primaveira pasada por Inditex ou Abanca. 

SITUACIÓN DAS UCI

Sobre a presión nas UCI, suliñou que as áreas con máis problemas son as da Coruña, Ourense e Santiago e despois as de Ferrol e Pontevedra. "Logo están as de Lugo e Vigo que, ao contar con novos hospitais, pois están nunha mellor situación e teñen un risco medio alto", indicou.

Así, volveu destacar que o persoal sanitario etá traballando "sen límites" e que hai unha "boa coloaboración co bloque cirúrxico". "Adicionalmente, temos gromos en traumatoloxía e tivemos que derivar operacións a centros concertados pero non houbo un icremento intenso", indicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta