Os traballadores de Ence manteñen as protestas en defensa da fábrica na ría de Pontevedra

Secundaron por terceiro venres unha manifestación convocada por de CC.OO.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 29/01/2021 | Actualizada ás 16:56

Comparte esta noticia

Os traballadores da empresa Ence secundaron por terceiro venres consecutivo unha protesta de CC.OO. para reclamar que se garanta a continuidade da fábrica de celulosas na ría de Pontevedra. A mobilización deste 29 de xaneiro consistiu nunha caravana de vehículos lixeiros que saíu ao mediodía da fábrica de La Cross en Alba e finalizou ante o complexo industrial da pasteira en Lourizán, onde se leu un manifesto.

Planta de Ence en Pontevedra
Planta de Ence en Pontevedra | Fonte: Europa Press.

A caravana cruzou a cidade do Lérez polas rúas Alexandre Bóveda, José Malvar, Doce de Novembro, Avenida da Estación para dirixirse ata o Porto de Marín e chegar á fábrica de Ence.

Ademais do persoal de Ence, o sindicato convocou tamén as empresas auxiliares, tanto do sector forestal como as de loxística.

A pasada semana levaron a cabo unha marcha a pé que parou ante a sede da Deputación de Pontevedra, onde gobernan o PSOE e o BNG.

Ata alí levaron os seus cascos de traballo que deixaron aliñados no chan tras varias cruces de madeira, para escenificar "a morte do emprego nesta industria".

Estes traballadores protestan contra a Lei de Cambio Climático que introduce "no artigo 18 punto 4 da lei un carácter retroactivo para que Ence Pontevedra non continúe en Lourizán", segundo explican desde Comisións Obreiras.

Este sindicato quere que se garanta a continuidade da fábrica de celulosas na súa actual localización en terreos de dominio público marítimo terrestre polos 60 anos máis nos que se prorrogou a concesión en xaneiro do ano 2016, unha moratoria concedida durante o Goberno en funcións de Mariano Rajoy.

O Concello de Pontevedra, a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) e Greenpeace recorreron esa decisión e a Audiencia Nacional deberá agora resolver se a prórroga outorgada hai cinco anos é legal ou non.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta