Un visor cartográfico con máis de 17.000 construcións medievais, centos delas en Galicia

O CSIC deseña unha ferramenta que permite xeolocalizar construcións da Península Ibérica, Italia e o sur de Francia de entre os séculos XI e XIII.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/02/2021 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

Un proxecto de investigación financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC, polas súas siglas en inglés) e dirixido pola investigadora do CSIC Ana Rodríguez, permite visualizar máis de 17.000 construcións medievais construídas entre os séculos XI e XIII, centos delas en Galicia.

Visor cartográfico do CSIC.
Visor cartográfico do CSIC. | Fonte: CSIC.

O obxectivo do estudo é analizar as complexas dinámicas sociais que explican a velocidade e a extensión do proceso de transformación arquitectónica en Europa, que axudou á creación de identidades colectivas e rexionais en todo o continente.

En concreto, o proxecto, ao que bautizaron co nome de 'Petrifying Wealth', céntrase na Europa meridional, onde esta transformación foi menos estudada, polo que o visor cartográfico inclúe rexistros da Península Ibérica, Italia e o sur de Francia. En total, máis de 17.000 construcións eclesiásticas e laicas datadas entre os anos 1.050 e 1.300 que permiten visualizar a extraordinaria difusión da petrificación medieval e o seu legado de edificios monumentais.

"Ao compartir a nosa investigación libremente, buscamos achegar esta útil ferramenta cartográfica, capaz de interactuar con outras fontes de datos georreferenciados, a unha audiencia ampla e diversa, facendo visibles as estruturas de pedra e doutros materiais duradeiros da Idade Media dunha maneira práctica e estimulante", apunta Ana Rodríguez, integrante do Instituto de Historia do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC.

Segundo indica, a través do visor cartográfico móstranse os primeiros resultados da investigación de 'Petrifying Wealth', consistente no censo e sistematización das construcións que salpicaron o territorio medieval neste período.

"A tipoloxía dos edificios, a súa cronoloxía, os materiais en que se construíron, os epígrafes relacionados con eles e as construcións desaparecidas das que quedan exclusivamente testemuños documentais son obxecto das investigacións en curso e faranse públicos ao final do proxecto, xunto cos seus resultados", engade.

A elaboración do visor cartográfico é froito do traballo colectivo dos integrantes do proxecto, do que é cobeneficiario o investigador Sandro Carocci, da Università degli Studi dei Roma Tor Vergata.

O visor tamén contou coa colaboración de institucións, como a Fundación Santa María La Real de Patrimonio Histórico, e particulares "que xenerosamente compartiron o seu excelente traballo", como recoñecen os científicos nos créditos dalgúns conxuntos de datos, segundo sinala a científica do CSIC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta