O derradeiro vestixio do poder financeiro galego

O proceso de absorción de Bankia por Caixabank abriu a caixa de Pandora dos procesos de concentración bancaria no ámbito do Estado español. Metidos na lóxica de que o medre na dimensión empresarial é unha condición imprescindíbel para acadar as rendibilidades mínimas na actual conxuntura do negocio bancario, non cabe descartar que -nun horizonte temporal non lonxano- apareza unha eventual proposta de integración de ABANCA nun proxecto empresarial de maior envergadura.

Por Xesús Veiga | Santiago de Compostela | 04/02/2021

Comparte esta noticia


Se nos vindeiros meses ou anos, a entidade herdeira das Caixas de Aforro galegas ficase subsumida noutro conglomerado financeiro atrévome a postular que non sería tanto pola existencia de graves problemas estruturais que requirisen semellante estratexia senón polo atractivo que representa -para as empresas competidoras- a cota de mercado que posúe ABANCA no territorio galego. Polo demais, é ben sabido que, nos procesos de absorción, o mantemento da cultura organizacional vinculada ao capital humano existente resulta subordinada ao cálculo dos beneficios resultantes  da operación planeada. Xa que logo, de ocorrer tal hipótese estariamos ante o epílogo descarnado da historia que comezou coa fusión de Caixagalicia e Caixanova, seguiu coa bancarización do que foi NovaCaixaGalicia e a posterior venta -por parte do FROB- de Novagalicia Banco ao grupo venezolano Banesco.
 
Coa melancolía que suscita a práctica dos contrafactuais históricos, poderiamos imaxinar que tería ocorrido se Novagalicia Banco sobrevivise como entidade pública controlada polo FROB. Mais alá da incidencia de factores esóxenos -sen dúbida relevantes no ámbito europeo e/ou mundial-, a especificidade desa natureza xurídica podería actuar como factor neutralizador da eventual perda da identidade territorial derivada dunha dinámica instalada en lóxicas de estrito beneficio privado.
 
A pesar da protección que proporciona a non presenza de ABANCA no mercado bursátil, non se pode asegurar cal sería a reacción dos seus propietarios ante unha substanciosa oferta de adquisición. En semellantes circunstancias, o actual presidente da Xunta xogaríase, certamente, unha parte relevante da súa reputación na lexislatura que ven de comezar. Despois de non ser quen de asegurar a continuidade das vellas Caixas reconvertidas en banco e de contemplar -sen reacción eficaz- a morte do Banco Pastor como referente histórico do poder financeiro galego, a desaparición do derradeiro vestixio dese poder representaría un grave e indiscutíbel fracaso político.
 

O conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas; o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet; e o director xeral financeiro, Alberto de Francisco, na presentación de resultados de 2019. ABANCA - Arquivo
O conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas; o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet; e o director xeral financeiro, Alberto de Francisco, na presentación de resultados de 2019. ABANCA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.