Feijóo presume dos avances dixitais que "permitiron seguir as clases da universidade por Internet"

Chama a que os "anos de reconstrución" sexan tamén os de engancharse ao "tren" da dixitalización. Unha xornada en Santiago aborda a estratexia dixital a 2030, que conta con 4.000 millóns para unha decena de obxectivos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2021 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, chamou a que os "anos de reconstrución" tras o impacto da pandemia do coronavirus sexan tamén os que Galicia aproveite para engancharse ao "tren" dos avances dixitais, "que non van a velocidade alta, senón cósmica".

Na súa intervención na clausura da xornada de presentación da 'Estratexia Galicia Dixital 2030', na Cidade da Cultura, Feijóo fixouse este "reto de enorme magnitude", despois de reivindicar a "experiencia" da comunidade en materia tecnolóxica a pesar das súas dificultades orográficas. Pola súa banda, avanzou que o seu Executivo espera aprobar este mes a lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica. No acto estivo arroupado por catro conselleiros e os tres reitores das universidades galegas.

"Estamos no momento perfecto para planificar e pensar en que estratexia imos seguir (...) Non empezamos de cero, temos avances sobre os que traballar", proclamou, en referencia á nova estratexia dixital galega. Neste sentido, o titular do Goberno galego valorou que a tecnoloxía "veu democratizar dunha forma intensa" desde o coñecemento ata o estado de benestar, pasando pola relación coas administracións públicas.

No contexto da crise da covid, valorou que "o nivel de madurez tecnolóxico permitiu que as clases das universidades se poidan seguir por internet e ter acceso ás tutorías tamén desde calquera lugar do mundo". Tamén celebrou que "miles de empresas melloraron a súa conta de resultados como consecuencia da tecnoloxía, non só as tecnolóxicas", senón tamén aquelas "que teñen capacidade de vender a través das redes".

A ESTRATEXIA

A 'Estratexia Galicia Dixital 2030' --xa presentada en Consello da Xunta o pasado mes de decembro-- pretende mobilizar 4.000 millóns de euros no período 2021-2027, dos que 2.450 serán fondos públicos entre partidas da Xunta e fondos da Unión Europea, mentres 1.600 millóns de euros serán de iniciativas privadas.

Neste acto, tomou a palabra o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, quen chamou a atención sobre o "consenso" alcanzado neste documento con universidades e empresas do sector. Sinala a colaboración público-privada como "principal camiño" para avanzar.

ADMINISTRACIÓN

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, avogou por "converterse" nunha administración "que coñeza mellor á sociedade e aproveitar ese coñecemento para resultar máis útiles" e "ofrecer servizos máis proactivos e personalizados".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a XXIII Conferencia de Presidentes, na que participan o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a XXIII Conferencia de Presidentes, na que participan o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen.. XUNTA

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, agradeceu a participación de 21 expertos de universidades nesta estratexia --nun evento que contou coa presenza do tres reitores--, á vez que reflexionou sobre como a pandemia acelerou "as transformacións dixitais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta