Unidade das academias galega, catalá e vasca para reivindicar o plurilingüismo e piden o seu reforzo nas escolas

“O Estado español debe considerar a diversidade lingüística como unha riqueza que cómpre preservar e non como un problema que hai que suprimir”, destacan nunha declaración conxunta.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/02/2021 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega, a Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans fixeron pública unha declaración coa intención de contribuír a aclarar o debate público acerca da presenza das linguas na educación e no conxunto da realidade social. Nela advirten que, para asegurar o seu futuro en condicións de normalidade, o galego, o éuscaro e o catalán “precisan dunha presenza reforzada no sistema educativo, que de ningunha maneira redundou nin vai redundar en menoscabo da competencia en castelán”.

Unha profesora durante unha clase de galego Clase de galego no bierzo
Unha profesora durante unha clase de galego Clase de galego no bierzo

O Estado español debe considerar a diversidade lingüística como unha riqueza que cómpre preservar e non como un problema que hai que suprimir”, defenden na primeira declaración conxunta da súa historia. Os tres organismos con responsabilidades oficialmente recoñecidas na defensa e promoción dos idiomas que representan reivindican o seu papel asesor das institucións do Estado e decláranse dispostos a contribuír a “unha deliberación pública informada e racional, en beneficio do respecto mutuo e da convivencia entre as comunidades lingüísticas”.

As institucións asinantes entenden que o réxime lingüístico do sistema educativo nas comunidades con idioma propio recoñecido oficialmente debe ser competencia exclusiva de cada unha delas, e que este “debe estar orientado a garantir unha competencia plena e igual en cada unha das nosas linguas e do castelán”. Porén, malia recolleren as regulacións autonómicas este obxectivo, a competencia en castelán está plenamente garantida polos distintos modelos que foron aplicados, mais non todos eles garantiron o mesmo fin para o catalán, o éuscaro e o galego.

“Como demostran tanto os estudos e as avaliación máis solventes coma as diversas experiencias nas comunidades autónomas que teñen algunha destas linguas como propia, para asegurar o seu futuro en condicións de normalidade, o catalán, o éuscaro e o galego precisan dunha presenza reforzada no sistema educativo, que de ningunha maneira redundou nin vai redundar en menoscabo da competencia en castelán”, salienta o texto.

A Real Academia Galega, a Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans, como institucións asesoras dos poderes públicos en asuntos referentes ás respectivas linguas, reclaman ser consultadas polas institucións do Estado e póñense á súa disposición. “É o noso ánimo contribuír a unha deliberación pública informada e racional, en beneficio do respecto mutuo e da convivencia entre as comunidades lingüísticas e os/as falantes das diversas linguas do Estado español, un Estado que debe considerar a diversidade lingüística como unha riqueza que cómpre preservar e non como un problema que hai que suprimir”, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta