Alsa reduce á metade as súas conexións nas áreas de Ferrol e A Coruña durante fins de semana e festivos

A redución de servizos comeza este sábado.

Por E.P. | A Coruña | 12/02/2021 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

O operador de mobilidade Alsa reducirá nun 50% os seus servizos de transporte durante os fins de semana e os días festivos nas áreas de Ferrol e A Coruña desde este sábado.

Autobús de transporte de pasaxeiros
Autobús de transporte de pasaxeiros | Fonte: ALSA - Arquivo.

Alsa detallou que esta medida afectará os servizos do contrato XG-642 Metropolitano de Ferrol e o contrato XG-881 Este da Comarca da Coruña e que se aplicará en cumprimento á resolución da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta pola que se habilitan determinadas medidas en relación coa COVID-19 no transporte público regular interurbano de viaxeiros.

Deste xeito, suprimiranse o 50% das expedicións que operan sábados, domingos e festivos, aínda que se garantirá o mantemento de polo menos un servizo de ida e volta diario en cada liña. Precisamente, as fins de semana representan os períodos nos que se rexistra unha maior caída de viaxeiros, próxima ao 80% respecto dos días laborables.

En concreto, a redución de servizos aplicarase ás franxas horarias cun menor número de pasaxeiros por cada liña, mentres se manterán as de maior demanda, polo que afectará en maior medida ás conexións en horario de tarde.

Así mesmo, a compañía sinalou que manterá os servizos das franxas horarias de inicio e fin de xornada das liñas que conectan os centros hospitalarios para facilitar a mobilidade do persoal sanitario.

No caso da Coruña, tamén se suspenderá o servizo con saída ás 21,05 que opera de luns a venres entre Sada e o Aeroporto de Alvedro.

Alsa informou destas modificacións aos municipios afectados e a través de cartelaría no interior dos vehículos e nas principais paradas. Ademais, os horarios poden consultarse nas súas páxinas web (www.alsaferrol.es e www.alsacalpita.es).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta