O BNG pide que se eviten "os erros que levaron á terceira onda"

Critica a "descoordinación" da Xunta na xestión da pandemia e tacha de "publicidade enganosa" os seus anuncios sobre a súa capacidade de vacinación

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2021 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apelou á "precaución" na toma de decisións respecto das restricións vixentes para conter a pandemia co obxectivo de evitar "cometer os erros que levaron á terceira onda" á comunidade.

Nunha rolda de prensa que tivo lugar este luns en Santiago, a líder da formación frontista advertiu de que Galicia se atopa en "un momento decisivo" no que se deben "extremar as precaucións" e actuar de modo "rigoroso" en relación ás decisións adoptadas "para non dar pasos atrás". "É necesario que cada medida sexa analizada con lupa sen entrar na carreira pola desescalada porque xa vimos as consecuencias de non pór por diante a saúde das persoas", advertiu Pontón.

Neste sentido, incidiu na importancia de "non cometer os erros" que derivaron na onda "con máis virulencia de todas" nun momento no que, a pesar da redución de contagios, obsérvanse "niveis de incidencia que en moitos casos duplican os de risco extremo", fixados en 250 casos diagnosticados por cada 100.000 habitantes nun período 14 días.

Así mesmo, Ana Pontón lembrou que Galicia supera os dous milleiros de falecementos por coronavirus dos que "a metade" tiveron lugar "nos últimos tres meses", polo que recalcou que a "precaución" e a saúde das persoas deben ser "os criterios que guíen" a toma de decisións. "Ningunha presión debe facernos esquecer o importante, que estamos nunha pandemia", resolveu.

"DESCOORDINACIÓN" NA XUNTA

Nesta liña, criticou a "descoordinación" do Goberno galego e reprobou que, a semana pasada, "pola mañá Feijóo falase de desescalada" e "de flexibilizar as restricións" e "pola tarde, o seu propio conselleiro de Sanidade desmentíseo". Así, lamentou que o presidente da Xunta "un día invoque ao comité clínico como aval das decisións do seu goberno" e "ao día seguinte, anuncie medidas sen convocar nin escoitar" a este equipo asesor.

Ademais, a portavoz nacional do BNG puxo o foco en que se descoñeza en detalle o plan de vacinación da Xunta "máis aló dos anuncios propagandísticos de Feijóo". Así, cuestionou que a Xunta asegure que dispón de capacidade "para vacinar en menos de dous meses a case tres millóns de galegos" a pesar de que "se tardou dous meses en vacinar aos 40.000 usuarios de residencias".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa ofrecida na Cámara galega. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa ofrecida na Cámara galega. BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta