A Asociación de Empresarios de Ribeira en contra do cambio dunha rúa franquista

O BNG presentou unha proposta para erradicar os vestixios franquistas que perduran neste concello.

Por Galicia Confidencial | Ribeira | 19/02/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego en Ribeira defenderá unha iniciativa plenaria o vindeiro luns 22 de febreiro para tratar de avanzar na eliminación de simboloxía da ditadura deste concello, unha iniciativa que non sentou ben entre algúns sectores, concretamente, entre o dos empresarios do concello ou, cando menos, o seu presidente.

Escudo e simboloxía franquista
Escudo e simboloxía franquista | Fonte: PV

O Bloque pide a eliminación nos lavadoiros dos símbolos totalitarios, as distincións a militares golpistas como José María Rivera de Aguilar e Fernando Suárez Tangil como fillos adoptivos e cambiar o nome de rúas a falanxistas como Diego Delicado ou Rodríguez Bautista. “Hai que camiñar cara á erradicación de simboloxía que aínda perdura da ditadura porque xa pasaron máis de cinco anos sen producirse ningún tipo de avance para eliminar os vestixios que aínda quedan no municipio e non son poucos”, apuntan desde a formación nacionalista.

O BNG cre que este feito é unha “completa anormalidade” pois, nunha sociedade con principios democráticos, non pode haber cabida para que haxa honras e distincións a membros que participaron e apoiaron a ditadura que tanta represión causou e tantos asasinatos provocou. “Que se manteñan en 2021 estas honras e distincións deixa en evidencia que hai que seguir traballando para que desmantelar os privilexios e favores da ditadura”, denuncian.

CRÍTICAS DOS EMPRESARIOS

Esta proposta, ou cando menos, o cambio de nome da rúa Miguel Rodríguez Bautista non gustou nada entre os empresarios, concretamente, a Fancisco Manuel Martínez, presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira,  que o considera un “gasto” na actual situación económica.

Nun comunicado, Martínez di que, actuando en defensa dos nosos asociados e veciños de dita rúa,  “non é este o momento idóneo de realizar tal cambio, pois somos conscientes dos trastornos e gastos que lles suporá a todos eles”. “Pedimos aos promotores da mesma que a deixen para máis adiante unha vez superada a difícil situación anímica e económica que os nosos empresarios, comerciantes e cidadáns en xeral estamos a sufrir”, asegura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta