Piden 9 anos de cárcere para unha muller que roubou 30.000€ á anciá dependente que coidaba

A anciá confioulle as claves da súa conta bancaria e as chaves da vivenda.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2021 | Actualizada ás 11:16

Comparte esta noticia

A Fiscalía solicita penas que suman 9 anos e medio de prisión para unha muller, R.P.F., á que acusa dun delito continuado de estafa e un delito continuado de roubo con forza en casa habitada, tras roubar e vender as xoias da muller á que coidaba, e tras baleirar as súas contas bancarias, das que subtraeu máis de 33.000 euros.

Segundo o escrito de acusación pública, a procesada (que será xulgada este xoves na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra) traballou nacasa da vítima, en Pontevedra, entre xuño de 2017 e abril de 2018, aínda que posteriormente mantivo contacto con ela, porque forxara unha relación de confianza.

A muller para a que traballaba era dependente e estaba en cadeira de rodas, polo que necesitaba asistencia para a súa vida cotiá. Entre as tarefas que desenvolvía a acusada estaban a limpeza da casa e o coidado da muller, á que tamén acompañaba a realizar xestións bancarias.

Dada a relación de confianza, a señora facilitoulle á súa coidadora unha copia das chaves da vivenda e mesmo o número PIN e o cartón dunha das súas contas, así como as claves para acceder 'en liña' a outra conta. A acusada, segundo a Fiscalía, non só coñecía a vivenda e os costumes e horarios da muller, senón que tamén tiña coñecemento de que había unha caixa forte no salón, e de que a chave estaba sempre gardada no bolso de man da vítima.

RETIRADA DE DIÑEIRO E ROUBO DAS XOIAS

Ao longo do tempo no que tiveron contacto, a acusada aproveitouse da confianza depositada nela e, usando as claves de banca electrónica, fixo varias transferencias á súa propia conta por máis de 10.000 euros, e pagou a compra dunha trompeta (330 euros). Así mesmo, tras apoderarse da chave da caixa forte, foi subtraendo decenas de xoias e outros obxectos de valor, como réplicas de moedas, ata deixala practicamente baleira, e vendeunas en varios establecementos. Con estas operacións obtivo un beneficio ilícito de 6.763 euros. Por outra banda, facendo uso do cartón de crédito da muller á que coidaba, realizou varias extraccións de diñeiro, ata un total de 23.000 euros.

DELITOS E PENAS

A Fiscalía atribúe a R.P.F. un delito continuado de estafa, polo que pide que sexa condenada a 4 anos e medio de prisión, e ao pago dunha multa de 4.320 euros; tamén a considera autora dun delito continuado de roubo con forza en casa habitada, e pide por iso 5 anos de cárcere. Con respecto á responsabilidade civil, establece que deberá indemnizar á prexudicada en case 50.000 euros, tanto polas transferencias como polas retiradas de diñeiro con cartón, e pola subtracción das xoias.

A muller non puido recuperar nin o diñeiro nin as alfaias, que eran de ouro e foron fundidas (un perito xudicial estimou o valor das xoias en 13.754 euros) e, segundo o ministerio público, a muller quedou en situación económica "moi precaria", sen os recursos que utilizaba para pagarse os coidados e a asistencia que necesita.

Xulgados
Xulgados | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta