Temas: FRASEOLOXíA

Formas galegas que dan conta da voz castelá “rato” como espazo de tempo (2ª parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 28/02/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Seguimos, pois, dándolle continuidade ó artigo principiado na anterior entrega:

Reloxo
Reloxo | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

DENTRO DE UN RATO &&& EN UN RATO:

En contextos ou secuencias coma por exemplo ir dentro de un rato, hacer algo dentro de un rato, etc., na nosa lingua óptase moitas veces por solucións do tipo de aquí a un pouco / de aquí a un anaco / de aquí a un cacho / de aquí a un chisco / nun anaco / nun cacho / nun pouco / nun bocado / nun pedazo / nun chisco / nunha chisca / nunha miga / nun migallo / nunha migalla / á volta dun anaco / á volta dun cacho / á volta dun pedazo / á volta dun pouco / á volta dun chisco / á volta dunha miga / etc.

Ex.: Deja el expediente encima de la mesa, que dentro de un rato en un rato lo miro.

Deixa o expediente enriba da mesa, que o miro nun anaco nun chisco nun bocado nunha miga de aquí a un anaco de aquí a un pouco de aquí a un chisco á volta dun anaco á volta dun cacho etc.

Ou mesmo tamén, segundo os contextos, e cando queremos dar a entender que ese *rato é bastante curto, botamos man de voces e locucións coma decontado / axiña / á minuta / ó dereito / deseguida / logo / nun instante / nun intre / nun segundo / nun momento / nun nada (de nada) / nun nadiña (de nada) / pronto / rápido / rapidamente / ...

Ex.: No empecéis la reunión sin mí, que estoy ahí en un rato.

Non principiedes a xuntanza sen min, que decontado estou aí que axiña estou aí que estou aí á minuta que estou aí ó dereito que estou aí deseguida que logo estou aí que estou aí nun instante que estou aí nun intre que estou aí nun segundo que estou aí nun momento que estou aí nun nada (de nada) que estou aí nun nadiña (de nada) que pronto estou aí que estou aí rápido que estou aí nun anaco/anaquiño que estou aí nun chisco/chisquiño etc.

NOTA: A locución á minuta (xunto coa variante á minutiña), non rexistrada a día de hoxe no DRAG pero si nalgúns traballos (coma, por exemplo, na obra Fraseoloxía do mar na Mariña luguesa, de Paco Rivas), vén basicamente a dar conta de que algo acontece ou se realiza con moita rapidez e prontitude a partir dun momento dado que serve de referencia ou de punto de partida.

Entre outros contextos, pode cubrir o da locución castelán al punto (=inmediatamente despois, xusto a seguir, sen apenas dilación), como veremos no seu día.

Ex.: El general salió de la estancia, y al punto entró su esposa, que había escuchado toda la conversación desde el salón.

O xeneral saíu da estancia, e á minuta  e no intre  e ó dereito entrou a súa esposa, que escoitara toda a conversa desde o salón.

Trátase, ademais, dunha locución que entendemos que non se pode considerar como localismo restrinxido a unha área concreta, dado que, como dixemos, Paco Rivas a rexistra na Mariña luguesa, pero, pola súa banda, quen isto está a escribir tamén a ten de seu de xeito natural... e da zona do Barbanza á Mariña inda hai un anaco.

 

AL RATO + oración verbal:

En secuencias coma por exemplo llegó ella, y al rato entró también su marido, habitualmente optamos por expresións como chegou ela, e ó pouco / de alí a un pouco / de alí a un anaco / de alí a un bocado / de alí a un momento / de alí a un intre / de alí a un nadiña / de alí a un chisco / de alí a unha miga / etc. entrou tamén o seu marido.

Así mesmo, se queremos dar a entender que ese *rato é bastante curto ou moi curto, empregamos voces coma decontado / axiña / á minuta, deseguida / enseguida / logo.

Ex.: Chegou ela, e decontado axiña á minuta deseguida enseguida logo entrou tamén o seu marido.

NOTA: Respecto do adverbio logo é de salientar que, con este significado de xusto a seguir (que se viría a corresponder basicamente coa acepción 1 do DRAG), o seu uso require indefectiblemente que non haxa ningunha pausa nin intervalo entoativo na enunciación entre el e o verbo que lle segue, na medida en que isto implicará que o estamos focalizando e, polo tanto, que presenta a significación temporal aquí referida, e non a de “máis tarde no tempo, despois”, que se viría a corresponder coa acepción temporal non focalizada ou máis habitual e “neutra”, por así dicilo.

Chegou ela, e logo [pausa ou intervalo entoativo na enunciación, máis ou menos marcados] entrou tamén o seu marido. = “Chegou ela, e despois entrou  tamén o seu marido, e máis tarde entrou tamén o seu marido”.

Chegou ela, e logo [sen pausa nin intervalo entoativo na enunciación] entrou tamén o seu marido. = “Chegou ela, e xusto a seguir, ou moi pouquiño despois, entrou tamén o seu marido”.

Ou, por poñer outro exemplo onde se cadra se percibe dun xeito máis claro:

Logo [pausa ou intervalo entoativo na enunciación, máis ou menos marcados] dígollo. = “Despois dígollo, máis tarde dígollo”.

Logo [sen pausa nin intervalo entoativo ningún na enunciación] llo digo. = “Axiña llo digo, decontado llo digo”.

 

Por focalización, e a grandes trazos, entendemos o fenómeno lingüístico polo cal se lle confire unha maior énfase ou relevancia informativa a un elemento ó dislocalo da súa posición máis “normal” ou neutra informativamente cara a unha posición anterior ou de comezo de enunciado, e que a nivel xeral fai, por exemplo, que no tocante á localización do pronome átono en relación co verbo principal, aquel se antepoña a este (fronte á posición máis normal, ou non marcada, de posposición do pronome átono respecto do verbo principal). Por non enlear máis o aparello e tentar clarexar o que se acaba de dicir, a ver se somos quen de deitar máis luz cun exemplo:

 

 Nun enunciado que poderiamos cualificar como “neutro” desde un punto de vista informativo, diremos algo así como

Resúltalle difícil amosar os seus sentimentos na intimidade: ¡para canto máis rodeado de xente!,

onde o pronome átono lle se sitúa na posición, por así dicilo, non marcada en galego, isto é, posterior ó verbo principal.

Mais se queremos darlle un maior relevo ou importancia informativos ó adxectivo difícil, o que faremos será focalizalo levándoo ao comezo do enunciado, de tal xeito que diremos

Difícil lle resulta amosar os seus sentimentos na intimidade: ¡para canto máis rodeado de xente!,

onde o pronome átono lle se sitúa nunha posición marcada, isto é, anteposto ó verbo principal, posición motivada pola dita focalización.

Este fenómeno da focalización é un fenómeno máis habitual do que, se cadra, se poida pensar a simple vista, e explica en non poucos casos a posición de anteposición do pronome átono ó verbo principal:

Fixéchela boa!, pero Boa a fixeches!

Sucedéronlle abondas desgrazas xa!, pero Abondas desgrazas lle sucederon xa!

Comentoulle algo, pero Algo lle comentou

Etc.

En todos estes casos de focalización, se vos fixades, o elemento focalizado esixe que tras el non haxa pausa nin intervalo entoativo ningúns na enunciación, senón que haxa unha continuidade ou encadeamento ininterrompido. De feito, se se produce unha pausa (podedes facer a proba), iso motiva que o pronome átono volva á súa posición “normal”, de posposición ó verbo:

Algo [pausa ou intervalo entoativo na enunciación] comentoulle.

{Malia non desexarmos cargar moito o lector con conceptos teóricos que probablemente non lle interesen o máis mínimo, simplemente queremos comentar, sen nos metermos en máis afondamentos, que neste último caso a voz algo non estaría focalizada, senón que funcionaría como o que se coñece como tema, isto é, un constituínte que o locutor presenta como coñecido ou do que parte para proporcionar unha información nova (fronte ó rema, que é a información nova ofrecida sobre o tema). A ver se así se percibe mellor: para dicirmos

Algo [pausa ou descenso entoativo na enunciación] comentoulle,

en principio requírese que antes alguén falase dese algo na conversa ou, cando menos, que o receptor o coñeza de antemán:

—¿Sabes se lle comentou algo do de ir a Roma # se lle comentou o de ir a Roma? — Algo [pausa ou descenso entoativo, máis ou menos intensos] comentoulle.}

 

 

 

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta