Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2021 | Actualizada ás 18:12
O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, e o comité de empresa de Alu Ibérica reclaman ao Ministerio de Industria unha reunión con representantes dos traballadores, na que tamén estea o Principado de Asturias, para buscar unha solución "integral" para as plantas da Coruña e Avilés.
En declaracións tras un encontro co comité este luns, o conselleiro de Economía sinalou o "diagnóstico compartido" entre Xunta e comité de empresa de "preocupación" polo futuro da planta, de forma que é necesario establecer unha folla de ruta para garantir o emprego a partir de xullo, mes no que vencen os dous anos de compromiso cos postos que se fixou no acordo de venda entre Alcoa e Parter.
Nesta liña, demándase unha auditoría técnica e financeira para que se aclare en que termos tivo lugar a venda de Alcoa a Parter das factorías, as cales, posteriormente, foron á súa vez vendidas a Grupo Riesgo.
O Goberno galego pide coñecer tamén a capacidade real de Grupo Riesgo para desenvolver os plans industriais comprometidos. "É necesario convocar a mesa industrial e coñecer en que condicións se pode traballar para que, a partir de xullo, cando vence o prazo do acordo inicial de venda, haxa unhas condicións laborais e industriais que garantan o mantemento de todos os postos", asegura Conde.
Xunto a isto, o conselleiro de Economía advirte de que sen prezo eléctrico competitivo non hai futuro, posto que o estatuto para consumidores electrointensivos non soluciona os problemas desta industria.
DESPEDIMENTOS
Este encontro chegou despois do despedimento na planta da Coruña do presidente do comité de empresa e outro tres sindicalistas. Os traballadores tachan de "estafa" o proxecto de Grupo Riesgo en Alu Ibérica, tras a compra a Parter.
Respecto diso, Conde mostrou a desconformidade da Xunta coa maneira de levar a cabo os despedimentos, á vez que avogou por buscar o pazo social nun momento de "incerteza" sobre as fábricas da Coruña e Avilés. "Non descartamos a actuación da Autoridade Laboral e de Inspección de Traballo, e trasladamos a importancia que ten para unha planta como Alu Ibérica que haxa normalidade na relación entre traballadores e empresa", asegura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.