Case 4.000 persoas participan na iniciativa '21 días co galego e +' para fomentar o uso do idioma

"Aínda que o alumnado é o protagonista, o profesorado, as ampas e as familias ou persoal de administración e servizos dos centros educativos participantes son determinantes para o éxito da actividade", sinalan desde a organización.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2021 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia puxo en marcha a terceira edición do programa de dinamización lingüística '21 días co galego e +' co obxectivo de fomentar o uso do idioma galego entre os mozos tanto dentro como fóra das aulas. Na iniciativa participan case 4.000 persoas entre alumnos, profesores e persoal de administración e servizos de dez centros educativos.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este luns na reunión telemática de apertura do programa xunto cos centros educativos e aproveitou para agradecer o esforzo do profesorado, especialmente dos equipos de dinamización da lingua galega, e da comunidade educativa en xeral".

E é que, conforme sinalou, "aínda que o alumnado é o protagonista, o profesorado, as ampas e as familias ou persoal de administración e servizos dos centros educativos participantes son determinantes para o éxito da actividade".

Así mesmo, segundo apuntou a Xunta nun comunicado, o representante autonómico incidiu na importancia desta oportunidade para visibilizar a lingua entre os mozos e animalos a que se incorporen aos seus usos lingüísticos, a través de actividades lúdicas e orixinais, e tamén nas súas relacións persoais e no emprego das tecnoloxías. No encontro tamén estivo o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e os coordinadores da iniciativa, Pilar Ponte e Roxelio García.

Entre as novidades, o programa esténdese de forma piloto á etapa de Primaria no CPR A Inmaculada de Lugo, coa participación de alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º. Ademais de incluír estudantes desde os 8 anos neste centro de Lugo, súmanse á iniciativa o IES coruñeses As Mariñas (Betanzos), Carral e Lamas de Abade (Santiago de Compostela); Perdouro (Burela); o ourensáns Loureiro Olmo (O Barco de Valdeorras) e Taboada Chivite (Verín); e os pontevedreses Ramón Cabanillas (Cambados), Sánchez Cantón e Santa Irene (Vigo).

Tamén incorpora tres importantes colaboracións externas: a do programa Galicia por Diante da Radio Galega, que terá unha sección diaria ao longo do seu desenvolvemento na que os centros lle contarán á súa audiencia os temas que abordaron; a do #DígochoEu! da TVG, con encontros entre o equipo audiovisual e os centros; e a do Foro Peinador, que achegará o ámbito da empresa en galego aos colexios para pór en valor a importancia do mundo laboral no desenvolvemento cultural da sociedade.

Presentación de '21 días co galego e +'. XUNTA
Presentación de '21 días co galego e +'. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta