Comeza o plan para instalar 67 muíños de vento sobre zonas protexidas da Serra do Suído

Petón do Lobo e Ecoloxistas en Acción alertan contra un proxecto "incompatible" coa actual regulación.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2021 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

Novas críticas á febre dos eólicos amparada pola Xunta de Galicia. Logo de múltiples mobilizacións contra a construción dun complexo de muíños de vento na montaña máis alta de Galicia, o movemento ecoloxista galego vén de coller forzas contra un novo proxecto que podería afectar a unha das serras máis emblemáticas --e protexidas-- da comunidade galega:  a Serra do Suído.

Paisaxe con turbeiras na Serra do Suído
Paisaxe con turbeiras na Serra do Suído | Fonte: Ecoloxistas en Acción

A alarma pola conservación desta serra chega trala saída a exposición pública dun proxecto eólico que contemplaría a instalación dun total de 67 muíños de vento repartidos en 8 parques eólicos. Esta clase de división veñen levantando as suspicacias do movemento ecoloxista galego, que en meses anteriores xa denunciou a “fragmentación irregular” desta clase de parques para poder avanzar con éxito o trámite da declaración de impacto ambiental, obrigatoria para proceder á instalación. O TSXG mesmo chegou a retirar os permisos a un parque de Norvento por esta cuestión.

En calquera caso, os proxectos eólicos contemplados para o Suído, fronteira xeográfica natural entre as provincias de Pontevedra e Ourense, provocarían unha afección paisaxística “moi severa” coa protección actual da Serra; choque que, segundo Petón do Lobo, faría “incompatibles” estas potenciais instalacións coa norma que hoxe aplica sobre os terreos.

SOBRE ESPAZOS PROTEXIDOS

Segundo destacan dende a plataforma, o proxecto emprazaríase “directamente” sobre espazos protexidos. Trátase, en concreto, dunha Área de Especial Interese Paisaxístico que podería perder as súas calidades pola instalacións deses 67 aeroxeradores repartidos en 8 parques eólicos distintos. Estes parques, con todo, compartirían diversas infraestruturas esenciais, erguendo de novo a pantasma da “fragmentación irregular”. 

O proxecto da Serra do Suído atópase, polo momento, en exposición pública; pero podería trocar nunha realidade se a Xunta de Galicia dá luz verde ao proxecto; trámite que, coa nova Lei da Paisaxe, podería resultar máis sinxelo que nunca. Ante esta posibilidade, tamén Ecoloxistas en Acción vén de cargar contra o que consideran un espallamento eólico con “consecuencias moi negativas para o medio” e deseñado “á medida dos intereses das grandes empresas”.

Dende a plataforma verde subliñan o seu apoio á enerxía eólica; clave, explican, para poder reducir as emisións de CO2 producidas en Galicia por mor das centrais eléctricas alimentadas con combustibles fósiles. Con todo, dende Ecoloxistas en Acción matizan que a política de implantación de eólicos en Galicia está a pasar por “graves erros” ocultados trala pantalla dun “ilusorio ‘crecemento verde’”. Por iso, a plataforma esixe poñer freo a proxectos como o de Pena Trevinca, a Groba ou o propio Suído.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Braisiño

O de chamar "muíños de vento" a máquinas que non moen nada, é incomprensible. Aeroxeneradores, eólicos etc, sería o correcto. Muíños, non