Buscar unha saída para o labirinto catalán

Un dos aspectos mais salientábeis dos comicios ao Parlament de Cataluña do pasado día 14 foi a elevada cifra de abstención rexistrada (a maior porcentaxe da serie histórica deste tipo de convocatorias: a respecto da anterior, celebrada no mes de decembro de 2017, deixaron de votar un millón e medio de persoas).

Por Xesús Veiga | Santiago de Compostela | 01/03/2021

Comparte esta noticia

Polo momento non se coñecen análises que permitan diferenciar o peso causal da pandemia sanitaria vixente daqueles outros factores asociados aos estados de opinión existentes en sectores da sociedade catalana despois de varios anos de conflito e polarización sobre os sentimentos de identidade e pertenza nacionais.
 
Era previsíbel que o medo ou a prevención ante hipotéticos contaxios actuase como elemento desmobilizador a pesar de que a celebración de citas electorais recentes en conxunturas epidémicas non menos graves (USA, Portugal, Ecuador...) constituíse un exemplo práctico neutralizador de semellantes temores. En calquera caso e pensando no futuro, os poderes lexislativos deberían acometer unha actualización e mellora das normas que rexen os procesos electorais, aproveitando -con todas as garantías debidas- as novas ferramentas tecnolóxicas dispoñíbeis.
 
Na inevitábel comparativa coa cita de 2017, o reparto do medre da abstención entre os dous grandes bloques (o constituído polos partidos que postulan a independencia e o que abrangue aos que defenden outro tipo de alternativas) foi asimétrico (perda de 600.000 votos para o primeiro e de 900.000 para o segundo). Ademais do vector común da singular conxuntura sanitaria, pódense formular algunhas hipóteses explicativas (pendentes dunha ratificación polos estudos postelectorais que se realicen) para cada sector. No caso dos votantes independentistas pode existir unha frustración polo incumprimento das expectativas xeradas naquel outono de 2017, polos enfrontamentos continuados entre os socios do govern (JxC e ERC) e polas deficiencias constatadas na xestión dos efectos do coronavirus. Na outra parte do escenario, a desfeita dos resultados obtidos por Cidadáns e polo PP pode estar motivada pola nefasta administración do éxito acadado hai tres anos por Rivera e Arrimadas e pola desaparición do efecto mobilizador provocado pola DUI (Declaración Unilateral de Independencia) aprobada, naquel momento, pola maioría independentista no Parlament.
 
A foto saída das urnas do 14-F presenta importantes elementos de continuidade coa situación preexistente e ofrece, tamén, algúns cambios significativos. O conxunto do independentismo consolida a súa hexemonía (incrementando o número de escanos e a porcentaxe de votos recibidos), confirmando o grave erro de apreciación do goberno de M. Rajoy e de moitos analistas que, no seu día, catalogaron de “suflé” o medre da influencia social dese movemento. As principais mudanzas concrétanse nunha dupla circunstancia: por primeira vez, nunha consulta destas características, ERC supera á formación herdeira da Convergencia de Pujol e o PSC aparece, de xeito destacado, como a forza mais votada no ámbito do campo non independentista.
 
Se a isto engadimos a desaparición do goberno estatal encabezado por Rajoy e a substitución por un executivo de coalición entre PSOE e UP, cabe pensar que o futuro inmediato estará presidido por maiores doses de diálogo e negociación das que se presenciaron no pasado. Os diagnósticos sobre o que sucede no corpo social catalán e, sobre todo, as propostas de solución que se formulan seguen sendo moi diverxentes. Semella evidente que tanto a independencia de Cataluña  como a continuidade do actual marco xurídico constitucional  non suscitan un nivel de consenso suficientemente amplo para asegurar un horizonte de estabilidade a medio prazo. Haberá que ver se os actuais protagonistas da vida institucional que se desenvolve en Cataluña e no Estado son capaces de atopar e acordar fórmulas satisfactorias que permitan desbloquear a saída do labirinto.
 

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, intervén durante unha comparecencia para facer seguimento da pandemia por Covid-19, en Barcelona
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, intervén durante unha comparecencia para facer seguimento da pandemia por Covid-19, en Barcelona | Fonte: David Oller - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.