Aumentan as festas en piso e as violacións do toque de queda tras o desconfinamento en Compostela

As denuncias multiplicáronse por cinco na capital galega na primeira fin de semana de desconfinamento.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/03/2021 | Actualizada ás 16:16

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, pediu este luns, tanto a composteláns como a visitantes, "prudencia, sentido común e contención" respecto das novas medidas anticovid aprobadas pola Xunta que, tras entrar en vigor a semana pasada, deixaron 98 denuncias por incumprimento na capital galega este fin de semana.

Respecto ao levantamento do peche perimetral e á apertura das terrazas, Sánchez Bugallo mostrouse "moi contento" por volver ver Compostela "con certa normalidade, con xente paseando, tomando algo e comprando, unha imaxe case esquecida", pero o aumento das denuncias por infraccións nas restricións, "xeran certa preocupación", segundo indicou o alcalde.

"Sen ser xeneralizado nin masivo, si se detectaron incumprimentos nas medidas anticovid que nos obrigan a estar atentos", explicou o rexedor municipal. Segundo datos da Policía Local, do total de 98 denuncias notificadas este fin de semana, "que multiplican por 4 ou por 5 as rexistradas habitualmente", indicou Bugallo, 23 foron a locais por incumprir a limitación de aforamento en terrazas.

Neste sentido, o alcalde recalcou que existirá "tolerancia cero" con aqueles que non cumpran o acordado pola Xunta de Galicia e o Comité Clínico e indicou que, no caso da hostalaría, "son os hostaleiros os que deben velar polo cumprimento das normas nos seus locais".

O resto de infraccións corresponden a festas en pisos --13-- e por violación do toque de queda --22--, así como 40 denuncias a persoas que non portaban a máscara obrigatoria na vía pública.

HOSTALEIROS COMPOSTELÁNS ESIXEN O PAGO DAS AXUDAS DE 2020

Por outra banda, a Asociación de bares, pubs e discotecas de Compostela transmitiu, mediante un comunicado, "o seu malestar co concello" polo atraso no abono das axudas concedidas ao sector no verán e en decembro de 2020, "e que seguen sen resolverse".

"Esperamos que esta situación poida resolverse ao longo da primeira semana de marzo porque, pola contra, verémonos obrigados a saír á rúa e adoptar medidas de presión para denunciar o bloqueo das axudas concedidas", avisou a asociación, que pediu ademais un plan de rescate plurianual 2021-2024 consensuado co sector hostaleiro.

Terrazas de restaurantes cheas de xente durante o segundo día da apertura parcial da hostalaría en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España), a 27 de febreiro de 2021.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Terrazas de restaurantes cheas de xente durante o segundo día da apertura parcial da hostalaría en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España), a 27 de febreiro de 2021.. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta