Detida unha menor en Santiago por roubos en vivendas de todo o Estado

Actuaba no seo dun grupo itinerante que actualmente estaba afincado en Santiago.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2021 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

A Policía Nacional culminou unha investigación na que detivo a dúas mulleres e dous homes novos de orixe croata, unha delas menor de idade, como presuntos integrantes dun grupo dedicado a roubos en vivendas.

Segundo informou a Policía Nacional, esta intervención, enmarcada no Plan Global de Seguridade do Ano Santo Xacobeo 2021-22 que a comisaría compostelá desenvolve, iniciouse a comezos da semana pasada cando axentes encargados do control de hospedarías detectaron a presenza na cidade de varias persoas de orixe croata, algunha deles con antecedentes policiais por roubo con forza, que alugaran unha vivenda de uso turístico durante o peche perimetral no que se atopa a Comunidade galega.

Con esa información previa, axentes das Brigadas de Seguridade Cidadá e de Policía Xudicial desprazáronse ao barrio das Cancelas, onde estableceron "un discreto dispositivo de vixilancia nos arredores do aloxamento", destacou a Policía. Ao proceder á identificación destas persoas, unha das mulleres ocultaba entre as súas pezas un envoltorio de plástico con dous reloxos das marcas Rolex e Cartier, así como varias xoias.

Ao non dar explicación sobre a procedencia dos devanditos obxectos, e "non dar fianza suficiente aos axentes sobre a súa identidade", subliña a Policía, foron trasladados a dependencias policiais para a súa identificación e continuación de dilixencias policiais.

ROUBO EN BADAXOZ

A investigación situou aos detidos na cidade de Badaxoz dous días antes, polo que os axentes de Santiago contactaron coa comisaría desa urbe estremeña, onde o día 27 de febreiro denunciaron un roubo no interior dunha vivenda, da que se apoderaron dun reloxo e varias xoias.

Os propietarios da devandita vivenda lograron recoñecer varias das xoias intervidas polos axentes composteláns como da súa propiedade, polo que se procedeu á detención de todos eles como presuntos responsables dun delito de roubo con forza en vivenda habitada.

"GRAN MOBILIDADE"

A Policía Nacional explicou que se trata de "grupos itinerantes, organizacións con gran mobilidade xeográfica, como quedou patente nesta investigación", xa que se trasladaban desde Badaxoz a Santiago de Compostela "en apenas dous días", puntualizou. "O acceso ás vivendas adóitano realizar utilizando o método do 'resbalón', aproveitando que non está a chave botada ou chegando a fracturar o bombín servíndose de desaparafusadores e de chaves especiais", concretou a Policía.

A intervención policial foi realizada por axentes adscritos ás Brigadas Locais de Policía Xudicial e Seguridade Cidadá da Comisaría de Santiago de Compostela, onde existe un servizo dedicado ao control dos viaxeiros que se hospedan na cidade, principalmente en hoteis, apartamentos e vivendas turísticas, así como vivendas de uso turístico.

TRES A PRISIÓN

Os arrestados foron postos a disposición do Xulgado de Instrución numero 1 de Santiago, que ordenou o inmediato ingreso en prisión de tres deles. Coa desmantelación deste grupo a Policía Nacional subliña que "logrou evitar a posible comisión de múltiples roubos en vivendas situadas na xeografía galega".

Imaxe de arquivo dunha operación policial.. GARDA CIVIL
Imaxe de arquivo dunha operación policial.. GARDA CIVIL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta