Por E.P. | MADRID | 10/03/2021 | Actualizada ás 14:58
Os prazos para solicitar prestacións ao Servizo Público de Emprego (SEPE) non computarán mentres o sistema de xestión do organismo non se restableza totalmente do 'ciberataque' sufrido no día de onte, segundo informaron fontes do Ministerio de Traballo. Así, o período de solicitude de prestacións ampliarase en tantos días como tarde en volver á normalidade o servizo.
Esta situación tampouco afectará os dereitos dos solicitantes de prestacións e de subsidios e as demandas de emprego renovaranse de forma automática mentres duren os problemas informáticos. O SEPE elaborou unha listaxe coas persoas que tiñan cita previa asignada e están a ser atendidas telefonicamente e de forma presencial nas oficinas.
As mesmas fontes indicaron que os expertos informáticos do Centro Criptolóxico Nacional, do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e da Secretaría Xeral da Administración Dixital traballan "sen descanso" desde onte para resolver o incidente de seguridade que sufriu o SEPE.
"Queremos deixar fóra de toda dúbida que non houbo subtracción de datos e que os sistemas operativos e de xestión do SEPE, así como os servidores, non resultaron danados polo ciberataque. Por tanto, a xestión de nóminas de prestacións e de ERTE non están afectadas polo incidente", subliñan desde Traballo.
Desde o SEPE hase agracedido a colaboración das comunidades autónomas que achegaron as súas liñas de atención telefónica para prestar o servizo. "No SEPE traballamos para restablecer o servizo canto antes e coas máximas garantías de seguridade", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.