A folga xeral en Ferrolterra, un "éxito rotundo"

Miles de persoas secundan unha marcha con empregados de diferentes sectores.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 10/03/2021 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

Os responsables comarcais dos sindicatos CIG, CC.OO. e UGT, convocantes da folga xeral deste mércores nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, valoraron como un "éxito rotundo" este paro e a manifestación realizada con miles de persoas.

Un adhesivo pegado na cristaleira dun establecemento onde se pode ler 'Pechado por folga xeral' durante unha folga comarcal contra a desindustrialización convocada en Ferrol coincidindo co 10-M, Día da Clase Obreira Galega
Un adhesivo pegado na cristaleira dun establecemento onde se pode ler 'Pechado por folga xeral' durante unha folga comarcal contra a desindustrialización convocada en Ferrol coincidindo co 10-M, Día da Clase Obreira Galega | Fonte: Mero Barral - Europa Press.

Manel Grandal (CIG) detallou que "a xornada está a ser un éxito, cunha folga secundada nas grandes empresas da industria, como tamén o sector servizos". Tamén aplaudiu "a gran participación" na manifestación do mediodía, "o que vén demostrar que a xente está farta e que é hora que se poñan alternativas para estas comarcas sobre a mesa".

Grandal abundou en que "tanto Goberno central como Xunta son os que teñen a chave das noces", pois "calquera solución para esta zona pasa por eles, non hai alternativa".

Pola súa banda, o secretario comarcal de CC.OO. en Ferrol, Santiago Díaz, reclamou "ás administracións un chamamento urxente ante a situación de decadencia que se está atravesando". "Esta situación pódese cambiar se desde o ámbito político se toman a comarca en serio", asegura.

Fai fincapé na masiva participación que rexistrou a manifestación, que partiu ás 12,00 horas desde o polígono da Gándara e finalizou na praza de Porta Nova. Terminou nas inmediacións do monumento que lembra a Amador Rey e Daniel Niebla, que tal día como o de hoxe de hai 49 anos, o 10 de marzo de 1972, falecían tras recibir varios disparos da Policía cando participaban nunha manifestación dos traballadores do sector naval para reclamase un convenio propio.

O secretario comarcal de UGT, José Antonio Díaz, tamén fixo unha valoración "netamente positiva do acontecido este 10 de marzo, que é ademais do Día da Clase Obreira Galega". "Precisamente a clase obreira implicouse ao máximo, cunha mobilización maioritaria, uns paros xeneralizados, tanto en industria como en comercio e grandes superficies".

Díaz detallou que algunhas das reclamacións que levaron aos sindicatos a convocar esta folga xeral foron "a nula carga de traballo, a falta de implicación das administracións, ademais da non derrogación das reformas laborais e de pensións, que nestes momentos provocou na comarca o despedimento de máis de 600 persoas".

Entre os motivos que levaron aos sindicatos a convocar este día de folga xeral están a falta de carga de traballo en Navantia, a ameaza de peche sobre a central térmica de Endesa nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña) coa chegada do verán, ademais do peche da planta de Siemens Gamesa nas Somozas (A Coruña) o 31 de marzo, así como o ERE extintivo para trece traballadores en Galicia Téxtil. A isto súmanse os centenares de despedimentos que se levan producido no ámbito das empresas auxiliares do sector naval.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta