Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2021 | Actualizada ás 12:13
CIG-Administración Autonómica denunciou "atrasos" na vacinación de persoal na rede galega de escolas infantís, que conta "co maior número de escolas de 0 a 3 anos públicas" e en que "nada se sabe".
A central sindical esixiu nas últimas semanas a vacinación do persoal de escolas infantís da rede Galiña Azul, que dependen do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta, pero polo de agora, asegura, "comezaron os chamamentos nalgún centro privado e da Axencia de Política Social", pero non na rede galega.
A responsable nacional do sector de Administración Autonómica, Zeltia Burgos, advertiu de "os riscos que ten este persoal polas características das súas funcións de coidado e de atención" aos nenos que "non poden portar máscara e cos que non hai distancia de seguridade posible", posto que hai que collelos no colo, darlles a comida ou cambiarlles a roupa e cueiros.
"Non se entende que se citase antes ao persoal docente daquelas idades nas que o alumnado usa máscaras e non se priorizou a este persoal que traballa con pequenos", afirmou Burgos, quen indicou que nin o xerente do Consorcio nin o subdirector do persoal da Consellería de Política Social, pasando pola xefa territorial e a Consellería de Sanidade "dan explicacións de que está a suceder coas vacinacións".
A responsable sindical considera que non se esqueceron porque xa se procedeu á recollida de datos hai máis de dúas semanas. "Con todo seguen mutis, aínda cando comezaron coa vacinación da poboación xeral entre 50-55 anos en varias áreas sanitarias, sen citar ao persoal esencial das escolas infantís da rede Galiña Azul", apostilou, tras lembrar que son 145 centros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.