A media de idade dos vehículos que circulan por Galicia aumenta ata os case 14 anos

A patronal dos concesionarios pide incentivos ao achatarramento tras un aumento da idade media do parque.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 17/03/2021 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

A media de idade dos vehículos que circulan por Galicia é de 13,7 anos, segundo os datos da patronal dos concesionarios, Faconauto, que sinala que, a nivel estatal, esta diminúe ata situarse en 13,2 anos. A cifra do conxunto do Estado supón un 4% máis que os 12,7 anos que tiñan de media os vehículos en España hai un ano, conforme apunta a Federación de Asociacións de Concesionarios da Automoción, que pediu incentivos ao achatarramento para facer fronte a esta subida.

Tal como lamentou a asociación, esta cifra confirma a tendencia negativa que viña arrastrando nos últimos anos e que se viu agravada polo retroceso sufrido polo mercado automobilístico o ano pasado. Neste sentido, Faconauto lembrou que en 2020 deixáronse de vender uns 350.000 vehículos debido á crise económica derivada da pandemia, algo que explica o "forte incremento" desta estatística.

A xuízo da organización de concesionarios, este dato "tan preocupante" pon de manifesto que non se está abordando con suficiente intensidade a resolución do problema. "Para iso, sería necesario, en primeiro lugar, reactivar o mercado, facilitando ao cidadán a adquisición de vehículos máis eficientes e seguros con plans de achatarramento realmente efectivos", indicou.

A matriculación de coches novos, segundo Faconauto, é a mellor garantía para frear o envellecemento do parque, xa que ademais permite retirar do mercado de usados os automóbiles con máis de dez anos, actualmente predominantes. Ademais, reiterou que a medida que tería un efecto máis positivo sobre o rexuvenecemento do parque sería abordar definitivamente un cambio da fiscalidade do automóbil, que tamén aceleraría a descarbonización da mobilidade.

"A reactivación dos plans de incentivos, como o Moves ou o Renove, debe ser unha das prioridades do Goberno para frear este envellecemento, dado que a idade do parque automobilístico co paso dos meses vai en aumento, pondo en risco a seguridade de condutores e viandantes e atrasando a necesaria descarbonización do parque", indicou o responsable de Asuntos Públicos de Faconauto, Juan Luís Fernández.

Varios vehículos participan nunha caravana de protesta convocada polo sector hostaleiro na Coruña. M. Dylan - Europa Press
Varios vehículos participan nunha caravana de protesta convocada polo sector hostaleiro na Coruña. M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta