O artelixo e o festival de Cans

Tiven a sorte de participar como poeta no Artelixo de Redondela, unha iniciativa cultural moi orixinal que, entre outras cousas, toma as rúas, os mercados, os bares e ata os coches da xente que pasa, para enchelos de poesía.

Por Francisco Castro | Vigo | 10/09/2013

Comparte esta noticia
A miña contribución, ademáis dos recitados, consistiu nunha pésima obra escultórica (por dicilo dalgún xeito) feita con material tirado do lixo, concretamente cartón e un envase de peituga de perú. Xunta isto, un poema. Foi o meu debut como artista plástico. 
 
Actividades coma o Artelixo, que contempla obradoiros, recitais, concertos, exposicións, etc., e que anegan o espazo urbán de cultura, son posibles polo entusiasmo dos seus organizadores e participantes, que son quen de, sen ningunha clase de axuda nin apoio oficial, ofrecer contidos de calidade que se nutren da cultura do país ao tempo que lle dan cultura ao país. 
Pasando de crise e rindo dela e, sobretodo, loitando dende a imaxinación, para superala.
Como toca facer agora. 
 
O que quero dicir é que nestes intres nos que os que teñen a obriga de apoiarnos e investir en cultura pasan de nós (considéranos o inimigo), o que nos toca é botar man da imaxinación e da loita para que non nos maten de todo.  E teremos que okupar espazos, e volvernos alternativos, para que a inanición non nos consuma.
 
Porque o apoio vai ser cada vez menor. En especial para todas aquelas actividades que se desmarquen da comodidade oficial.
 
Un exemplo: un ano máis, o Festival de Cans, de cada nova edición de máis nivel e que aglomera a moita xente ao seu redor, volve ficar fóra das axudas do goberno central destinadas aos festivais de cinema. Mais, iso si, outros certames de cine, de moito menos nivel e nos que participa a décima parte da xente, contan con axuda para se celebrar.  E máis unha vez Cans corre perigo.
 
Espero de corazón que o festival se celebre.
 
Se tal pasa será porque o entusiasmo, a teimosía e o orgullo da xente implicada, é quen de poñelo en pé.
 
Nós, aínda que lles doa, do lixo facemos arte. Non van frearnos.  Xa lles gustaría. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro