Temas: BNG FACENDA ERTE

O BNG reclama que os ERTE non contabilicen na declaración da renda

Pide que non se inclúa ao Servizo de Emprego Público Estatal (SEPE) como un segundo pagador.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 23/03/2021 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama que os ERTE non contabilicen na declaración da renda, de forma que non se inclúa ao Servizo de Emprego Público Estatal (SEPE) como un segundo pagador, tal e como prevé o Goberno se se superan os 1.500 euros recibidos en 2020 por parte desta entidade.

Oficina da Axencia Tributaria
Oficina da Axencia Tributaria | Fonte: Europa Press.

O Bloque rexistrou unha iniciativa no Congreso para que non sexan penalizadas as persoas en situación de vulnerabilidade que xa viron reducidos os seus ingresos salariais. E é que, "probablemente", terán que pagar pola obrigatoriedade de presentar a declaración se se superan os 14.000 euros de ingresos anuais no canto dos 22.000 euros se se ten un só pagador.

Igualmente, o Bloque require que esta medida sexa similar para os emigrantes retornados que cobran pensións no estranxeiro.

Néstor Rego lamenta que esta medida vai afectar "moi negativamente á hora de presentar a declaración do IRPF a todas aquelas persoas que estiveron nun ERTE e tiveron dúas fontes de ingresos salariais distintas: o SEPE e a empresa". Prevé que, na maioría dos casos, esas declaracións sairán positivas e o contribuínte terá que pagar.

Por este motivo, a formación nacionalista insta o Goberno central a que modifique a Lei sobre a Renda das Persoas Físicas. Entre outros cambios, avógase por aumentar de 1.500 a 8.000 euros o límite para que sexa obrigatoria esa presentación da declaración da renda no caso de ter dous pagadores.

Temas: BNG FACENDA ERTE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta