As medidas vixentes en Galicia para a hostalaría non se ampliarán polo menos ata despois de Semana Santa

Este tema quedará aprazado ata o día 6 de abril cando será abordado polo goberno galego e a hostalaría nunha reunión sobre a situación do sector.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2021 | Actualizada ás 16:35

Comparte esta noticia

Galicia busca polo momento "consolidar" o paso dado a semana pasada coa ampliación de horarios e aforamentos en hostalaría e non afrouxará as restricións vixentes neste sector, polo menos, ata despois de Semana Santa.

Así o trasladou a Xunta a representantes do sector durante un encontro mantido este martes e no que participaron o vicepresidente, Alfonso Rueda, e os conselleiros de Sanidade e Emprego, Xullo García Comesaña e María Jesús Lorenzana.

Nesta nova reunión, Xunta e sector barallaron a posibilidade de seguir avanzando na desescalada da hostalaría se os datos epidemiolóxicos son bos, aínda que, en todo caso, "non se relaxarán as medidas vixentes ata despois de Semana Santa".

Con iso, o Goberno galego xa avanza que tanto na reunión deste martes como na da próxima semana non haberá novidades respecto a máis liberdade para aforamentos ou horarios, algo que non se tratará ata o 6 de abril, e sempre que os datos sexan positivos. Durante o encontro, o sector pediu á Xunta que se incremente a vixilancia policial, sobre todo nos días festivos que se aveciñan, para perseguir o incumprimento das normas.

Antes do encontro, o vicepresidente galego explicou que a semana pasada a Xunta deu "un paso importante" ampliando tres horas o horario de peche e dando máis marxe aos aforamentos, "un paso importante que debería consolidarse antes de dar máis", engadiu.

Alfonso Rueda alertou do cambio de tendencia que viven comunidades da contorna e lembrou que en abril, se chegan as doses comprometidas, poderase avanzar de forma importante coa vacinación. "Mellor ir prudentemente e consolidar o que temos. O obxectivo non pode ser unha semana en Semana Santa, se non os meses centrais do verán", precisou.

AXUDAS

Durante o encontro, o vicepresidente primeiro reclamou ao Goberno central "axilidade e criterios obxectivos" na repartición das axudas prometidas para autónomos, pequenos empresarios e hostaleiros que o Executivo estatal "aínda non concretou".

Así, Rueda lamentou que o Goberno central "non concretase nin os criterios de repartición das axudas nin canto lle corresponderá a Galicia", así como que se estea falando de 200 millóns "cando o cálculo obxectivo de autónomos e microempresas que ten a comunidade acredita que a cantidade ten que estar ao redor dos 330 millóns". Pola súa banda, a conselleira de Emprego e Igualdade incidiu en que, a día de hoxe, a Xunta xa ten abonadas axudas do 2º Plan de Rescate por valor de 9,7 millóns de euros.

O prazo do 2º Plan de rescate conclúe este martes e a Xunta xa ten contabilizadas 40.834 peticións por parte do tecido empresarial galego. Tal e como incidiu Lorenzana, xa se está traballando no 3º Plan de Rescate, "para estar preparados e activalo en canto chegue o diñeiro do rescate prometido polo Goberno do Estado".

Terrazas de restaurantes cheas de xente durante o segundo día da apertura parcial da hostalaría en Santiago de Compostela, a 27 de febreiro de 2021 / Álvaro Ballesteros - Europa Press. / Europa Press
Terrazas de restaurantes cheas de xente durante o segundo día da apertura parcial da hostalaría en Santiago de Compostela, a 27 de febreiro de 2021 / Álvaro Ballesteros - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta