Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2021 | Actualizada ás 11:32
A Policía Nacional detivo a un mozo de 19 anos de idade como presunto responsable do furto dun trípode de uso profesional pertencente a un equipo gráfico de televisión que traballaba en Santiago de Compostela.
Segundo informou a Policía Nacional, os feitos sucederon o pasado 3 de marzo cando un equipo de reporteiros gráficos pertencentes a unha canle de televisión gravaba unhas imaxes na zona de Porta Faxeira para a realización dunha reportaxe, para o que utilizaban medios audiovisuais entre os que se atopaba un trípode valorado nuns 6.000 euros.
"Durante a toma de imaxes e cando os reporteiros se afastaron uns metros do trípode que estaban a empregar, decatáronse da desaparición do mesmo", destacou a Policía, que engadiu que descoñecían a autoría da subtracción e procederon a interpor denuncia. Unha vez iniciada a investigación, os axentes centraron as súas pescudas nun grupo de mozos que durante a toma de imaxes atopábase nunha das terrazas situada na zona a tarde dos feitos.
"A pesar da gran afluencia de persoas que se achaban dita tarde no lugar, os investigadores pescudaron que o presunto autor subtraera o trípode e fuxira a pé polas rúas de Santiago para, posteriormente, introducirse no seu domicilio, situado nunha coñecida rúa céntrica da capital compostelá", relatan as mesmas fontes.
Tras a súa identificación os axentes procederon á súa detención o pasado día 18 como presunto responsable dun delito de furto. Ademais, foi recuperado "en perfecto estado", asegura a Policía, o trípode subtraído, que foi devolto aos seus propietarios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.