Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2021 | Actualizada ás 20:55
Estudantes e docentes da Universidade de Santiago de Compostela, ao abeiro do programa ‘Plantando cara ao lume’, levaron a cabo diversas actuacións de recuperación de terreos da Serra do Xurés, conseguindo recuperar unha das parcelas que fora destruída polos incendios.
No marco de ‘Plantando cara ao lume’, a mediados de marzo desenvolveuse unha expedición no Parque Natural da Serra do Xurés, nunha zona afectada polos incendios forestais e na que "é preciso unha mellora da xestión forestal para reducir esta problemática e minimizar así as consecuencias das lapas sobre os bosques, a auga e o medioambiente", defenden desde a Universidade.
Por outra parte, os docentes, investigadores e estudantes implicados nesta actuación salientan ademais os efectos negativos que provocan os lumes forestais no desenvolvemento rural dunha zona "que atopa entre as súas fortalezas a actividade forestal e o potencial turístico".
OUTROS ESTUDOS
Outro ámbito no que traballaron os participantes da expedición foi no coñecemento e estudo das particularidades da fauna e da flora do Parque Natural da Serra do Xurés, segundo indicou o profesor Agustín Merino.
Este investigador sinalou que a expedición desprazada ata a Serra do Xurés gozou dunha oportunidade para ampliar os seus coñecementos sobre a singularidade de determinadas especies vexetais e animais da zona que están ameazadas, a través da realización de diversos itinerarios e outras sesións formativas sobre o terreo.
Por outra parte, os participantes nesta expedición medioambiental repoboaron, tamén, unha parcela do lugar de Piñoi (concello de Muíños) incendiada en 2016 con novas plantas de castiñeiro e carballo. Estas especies foron escollidas para proporcionar unha alternativa silvícola máis acaída aos sistemas xa afectados por incendios, "xa que estas plantas actuarán como barreira natural contra o problema dos lumes forestais tan habitual na rexión", explican.
COLABORACIÓN
Estas actuacións contaron coa participación de estudantes, investigadores e docentes da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) e da Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC, así como das facultades de Bioloxía, Ciencias da Educación, Ciencias da Comunicación e Economía da sede universitaria compostelá.
Tamén contaron coa axuda de persoal das comunidades de montes locais, así como por xestores forestais da propia Administración autonómica, empresas da contorna e outras entidades colaboradoras.
O proxecto, coordinado polo catedrático da USC Agustín Merino García, recibe financiamento da Federación Española de Ciencia y Tecnoloxía (Fecyt) e na actual edición tamén conta coa participación das universidades de Castela a Mancha e Córdoba, ademais do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria, con sede en Madrid.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.