Temas: TVG

Esther Estévez: “O ‘Dígocho Eu’ non só é para aprender senón tamén unha forma de entretemento”

Falamos con esta xornalista de Verín que nos conta, entre outras cousas, como evolucionou este programa co tempo. Segundo ela mesma recoñece: “A idea foi e segue sendo a mesma: ensinar algo sobre o galego de forma breve. Pero co paso dos días e dos meses o formato foi evolucionando. Eu cada vez me sentía máis cómoda e as gravacións eran cada vez máis divertidas así que iso foise reflectindo nos vídeos”.

Por X.M. Fernández | Verín | 03/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Coordinadora de Traballadores e Traballadoras pola Normalización Lingüística (CTNL) vén de premiar ao programa “Dígocho eu” da Televisión de Galicia, un dos fenómenos mediáticos do pasado 2020, nos II Premios Mil Primaveras na categoría de ‘mellor comunicación e impacto social’.

Esther Estévez, presentadora do programa 'Dígocho eu'. Foto: E. Estévez
Esther Estévez, presentadora do programa 'Dígocho eu'. Foto: E. Estévez

O xurado destacou a frescura e capacidade de influencia social, así como  tamén a boa imaxe que transmite e a súa utilidade práctica e motivadora. Na vertente comunicativa, valorouse a constancia do proxecto -emisión dun vídeo diario-, a adaptación á actualidade, e tamén a diversidade de formatos e canles  que lle permiten chegar a todos os públicos e conectar moi ben coa infancia e a mocidade.

Detrás do éxito deste formato televisivo hai un traballo a tres bandas, Rocío Pérez, Carlos Amando e Esther Estévez, aínda que a imaxe que chega ás casas é a de Esther, a presentadora.

Coñecemos a esta xornalista de Verín e afondamos en detalles do ‘Dígocho eu’.

De Verín de toda a vida?

Si, nacín en Verín e vivín alí ata que fun á universidade. Sempre que podo volvo a casa as fins de semana ou nas vacacións para ver á familia, aínda que agora coa Covid está todo máis complicado e case non vou.

Esther Estévez, creadora do fenómeno 'Dígocho Eu'
Esther Estévez, creadora do fenómeno 'Dígocho Eu' | Fonte: CRTVG

Cando descubriches que querías ser xornalista?

Pois decidín que quería estudar xornalismo en segundo de bacharelato. Nunca fun desas persoas que teñen clara a súa vocación dende pequenas. Eu tiña moitas dúbidas sobre ao que me quería dedicar e decanteime por xornalismo porque sempre me gustou escribir. Con esa paixón empecei a carreira e co paso dos anos fun descubrindo moitas outras que non sabía que tiña.

Cal é a túa traxectoria profesional ata que chegas á TVG?

No verán de terceiro de carreira fixen prácticas na Radio Galega e en cuarto en Nós Televisión. En setembro de 2019 comecei como bolseira Feuga nos contidos web e redes sociais da TVG, onde hoxe teño a sorte de continuar.

Como xorde o espazo "Dígocho Eu" e como chegas ti a ser a imaxe do
mesmo?

O #DígochoEu nace para que nós mesmos e calquera persoa poida mellorar ou aprender algo sobre o galego cada día. A idea foi de Carlos Amado, coordinador dos contidos web de informativos. A finais de 2019 empezou a pensar en facer algo para as redes sociais sobre a lingua e así se empezou a debuxar o que o 1 de xaneiro de 2020 comezaría como o #DígochoEu.
Fun eu a que lle puxo a cara ao proxecto porque eu dedicábame a facer contido específico para as redes sociais.

Foi doado adaptarte ao que se buscaba con este formato audiovisual?

Realmente non se buscaba todo o que máis tarde acabaríamos atopando con este proxecto. A idea foi e segue sendo a mesma: ensinar algo sobre o galego de forma breve. Pero co paso dos días e dos meses o formato foi evolucionando: eu cada vez me sentía máis cómoda e as gravacións eran cada vez máis divertidas así que iso foise reflectindo nos vídeos. Así que a día de hoxe o #DígochoEu non só é para aprender senón tamén unha forma de entretemento ou incluso diversión.

A espontaneidade que transmites semella de serie, estamos no certo?

A verdade é que eu sempre fun bastante tímida. Na universidade abrinme bastante, pero o certo é que aínda que hoxe sexa máis extrovertida, só son espontánea e incluso un pouco louca coa xente coa que teño confianza. Esa espontaneidade dos vídeos é froito do cómoda que me fixo sentir o equipo do #DígochoEu, formado por Carlos Amado e Rocío Pérez, a nosa lingüista.

Cal cres que é a fórmula do éxito deste programa?

Creo que no #DígochoEu se xuntaron moitos factores e xurdiu así a "maxia". Xuntouse a boa idea de Carlos Amado coa miña forma de comunicar, que parece que chega á xente. Quizais a fórmula do éxito está en que que somos capaces de explicar algo nun vídeo moi breve e de forma divertida. Ademais, penso que tamén inflúe que eu sexa unha rapaza nova porque creo que os nenos se poden sentir identificados comigo. E agora que tamén estamos no TikTok moito máis!

Detrás destes vídeos tan divertidos e divulgativos hai un traballo
rigoroso detrás. Cóntanos.

Hai moitísimo traballo detrás de vídeos tan curtiños. Primeiro hai que ter unha idea, pensar sobre que palabra queremos falar. Temos unha listaxe enorme chea de palabras que se nos van ocorrendo ou que a xente nos vai propoñendo a través das redes sociais. Á hora de guionizar os capítulos sempre contamos coa axuda de Rocío Pérez, a nosa lingüista. Sen ela non sería posible o #DígochoEu xa que eu non teño estudos sobre lingua.
Unha vez que o guión está revisado, toca gravar, e a forma en que o facemos sorprende moito xa que é unicamente cun móbil, un micro e un trípode. Ao comezo estaba comigo en todas as gravacións Carlos Amado e foi el quen me axudou a soltarme e expresarme de forma natural. Agora, coa covid, case todo o gravo eu soa pero as gravacións, sexan soa ou acompañada, sempre son moi divertidas! Finalmente monto o vídeo, ás veces coa axuda de Carlos Amado tamén.

Saber que estades facendo un traballo de gran valor polo galego,
emocionaravos, non?

Os tres que formamos o equipo estamos moi ilusionados con todo o que o proxecto está conseguindo. Cando alguén nos di que grazas ao #DígochoEu se lanzou a falar en galego nós xa sentimos que todo o esforzo tivo os seus froitos.

O 'maldito 2020', unha bendición para ti, polo menos no profesional.
"Dígocho Eu", despois chega "Cachadas"...

Pois si, aínda que o 2020 foi un ano ao que ninguén quere volver, eu teño moito que agradecerlle. Foi o ano no que naceu o #DígochoEu e no que tantas alegrías me trouxo o proxecto. Medrei moitísimo a nivel profesional e abríronseme moitas portas. Sen o #DígochoEu non comezaría en Cachadas, programa co que tamén aprendo moitísimo. Estou infinitamente agradecida á xente que confía en min para traballar e a todas as oportunidades que se me deron.

Temas: TVG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta