Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2021 | Actualizada ás 11:04
Os fogares galegos que chegan con dificultade ou moita dificultade a final de mes dispáranse no primeiro trimestre de 2021 ata supor o 58% do total, 10 puntos máis que un ano antes (48%), segundo os datos que publica este luns o Instituto Galego de Estatística (IGE).
En concreto, un 47,06% dos fogares chega con dificultade, mentres que un 10,01% faino con moita dificultade. En cambio, só un 47,3% alcanza o final de mes con facilidade ou moita facilidade, o que supón 10 puntos menos que un ano antes. Deste xeito, os fogares con dificultades superan o 50% por cuarto trimestre consecutivo, algo que antes do impacto da pandemia non ocorría desde o primeiros tres meses de 2018.
CAÍDA DE GASTOS EXTRA, VIAXES E SAÍDAS
Pola súa banda, o 41,1% dos fogares non se permitiu ningún extra --gastos como os destinados a imprevistos-- no últimos tres meses. Ademais, o 10,4% das familias cambiou os seus hábitos de compra con marcas brancas ou produtos en oferta, á vez que o 10,3% diminuíu gastos comúns como roupa e calzado.
As persoas que teñen pensado saír a cear, cafetarías, ir ao cinema ou ao teatro nos próximos meses caen de forma acusada e quedan no 24,3%, cando eran o 58,8% un ano antes. Hai un afundimento da taxa de persoas que ten previsto irse de viaxe, só o 2,2%, fronte ao 9,6% dun ano antes.
Así mesmo, o 34,9% das familias teñen pensado aforrar diñeiro no próximos tres meses fronte ao 40,5% dun ano antes. Ademais, o índice de confianza do consumidor en Galicia cae en case 14 puntos respecto ao primeiro trimestre de 2020.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.