Ampliadas as axudas da Xunta para practicar rozas e podas nos montes

Poderanse solicitar ata o vindeiro 5 de maio.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2021 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a orde da Consellería do Medio Rural que amplía ata o 5 de maio o prazo de presentación de solicitudes para acceder aos 13 millóns de euros convocados en axudas para levar a cabo accións silvícolas nos montes galegos.

Por unha banda, explicou a Xunta, quérese incidir na prevención dos danos causados polos incendios ou desastres naturais, e por outra, incrementar a capacidade de adaptación e o valor ambiental dos ecosistemas forestais da comunidade.

Estas achegas, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), constan de dúas liñas de actuación. A primeira busca promover prácticas como rozas, rareos e podas, co obxectivo de previr os incendios. Neste caso, conta cun orzamento de nove millóns de euros.

A segunda liña de actuación, para a que hai un orzamento de catro millóns de euros, persegue incrementar os valores ecolóxicos dos montes que non teñan carácter produtivo a través de rareos, podas ou rozas, pero tamén de plantacións puntuais de determinadas árbores.

Entre as novidades, ao amparo desta convocatoria darase prioridade a todas aquelas solicitudes referirdas a actuacións en montes nos que existan masas inscritas, ou en proceso de inscrición, no Rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas de Galicia.

Ademais, nas liñas de fomento incluídas nesta orde séguense obxectivos e liñas de actuación previstos dentro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, relativos aos servizos ecosistémicos, á conservación da biodiversidade das masas e á xestión forestal sustentable e activa coa mobilización e co incremento da produtividade dos recursos forestais galegos, reforzando deste xeito a silvicultura nas masas de coníferas e, especialmente, nas masas de frondosas caducifolias.

Con esta orde, a Consellería do Medio Rural prevé chegar a máis de 500 beneficiarios e actuar sobre unhas 7.000 hectáreas de superficie. Trátase da sexta convocatoria de axudas e, ata agora, destináronse preto de 57 millóns de euros a 2.228 beneficiarios, o que levou actuacións en máis de 31.600 hectáreas de superficie.

Traballos forestais. XUNTA
Traballos forestais. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta