30.000 firmas para que volva a canle infantil 'Xabarín' na TVG

"Os galegos queren galego e estas demandas certifícano", di o presidente da Mesa. A iniciativa pide tamén que os contidos audiovisuais se dobren e subtitulen en galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2021 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou este mércores no Parlamento un total de 33.008 firmas de apoio da Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular para "instar o Goberno galego a tomar medidas precisas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade" a través dunha canle específica dedicado ao 'Xabarín'.

"O galego está excluído do tempo lúdico, dos xogos e xoguetes, do ensino, e tamén da televisión", criticou o presidente da organización, Marcos Maceira, que destacou ademais a "presenza insignificante" do idioma na televisión, onde só a TVG "garante uns mínimos, cun 4,6% de programación infantil e xuvenil durante a semana e un 2,7% en fin de semana".

"Así é moi difícil salvagardar o futuro do galego", lamentou Maceira que, con todo, mostrouse satisfeito co apoio social da proposta. "Os galegos queren galego e estas demandas certifícano. O problema non está na demanda, está na oferta", puntualizou o responsable da asociación.

"Pedimos o mesmo que teñen outras televisións autonómicas e mesmo a estatal, con ClanTV", comentou Maceira, que remarcou a necesidade para a mocidade de gozar "dunha programación atractiva, actual e educativa en galego, dispoñible en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada para todos os dispositivos e que conte ademais con programas e xogos".

Con esta proposta, a Mesa pola Normalización quere "contribuír" a que esa oferta sexa, "como mínimo, igual á que gozan outras linguas no territorio", para o que, segundo recalcou o presidente da Mesa, obtiveron "moito apoio de moitísimos e moi distintos sectores da sociedade", entre eles persoas anónimas, comercios e establecementos hostaleiros, actores e actrices e asociacións de ensino

DOBRAXE E SUBTÍTULOS

Marcos Maceira subliñou tamén as mocións aprobadas por unanimidade por unha ducia de concellos galegos para apoiar esta iniciativa, algo que espera que reciba o apoio tamén do propio Parlamento galego e para o que, segundo indicou, empezaranse a reunir proximamente cos distintos grupos para "instar" a que apoien "un clamor social".

Con todo, o responsable subliñou que a proposición pretende, nun sentido máis amplo, "apoiar ao audiovisual galego e aumentar a súa oferta", para o que recolle que, tanto as canles de televisión xeneralistas como as plataformas dixitais, non só dispoñan de contidos en galego, senón tamén da posibilidade de gozar do seu catálogo con dobraxe e subtítulos neste idioma do mesmo xeito que ocorre noutros territorios.

A Mesa entrega firmas de apoio á iniciativa Xabarín. A MESA
A Mesa entrega firmas de apoio á iniciativa Xabarín. A MESA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 uu1

Trata-se de apoiar ao “audiovisual galego” ou ao “audiovisual em galego”? Porque o certo é que o audiovisual galego pode ser feito em inglês, castelhano ou japonês e o audiovisual em galego já existe no Brasil, em Portugal e outros lugares, e para proporciona-lo na Galiza e que poda ter presente e futuro precisamos que existam galego falantes e precisamos todos os contidos disponíveis na nossa língua, alguma das variedades galegas (não as galego-castelhano) melhor mas a brasileira é uma boa alternativa como ponto de partida ante as carências existentes.