Educación quere que os exames de recuperación en ESO, Bacharelato e FP Básica se adianten a xuño

Levará a proposta á mesa sectorial cos sindicatos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/04/2021 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade quere modificar o calendario escolar para adiantar de setembro a xuño os exames de recuperación de ESO, 1º de bacharelato e de FP Básica a partir do curso 2021-2022

Exame nunha aula universitaria durante a pandemia de covid-19
Exame nunha aula universitaria durante a pandemia de covid-19 | Fonte: Europa Press.

O departamento autonómico convocou os sindicatos a próxima semana a unha mesa sectorial para propor este cambio no calendario escolar e que permitiría adecuar estas probas extraordinarias ás doutros niveis que xa as realizan nestas datas, como é o caso de 2º de bacharelato.

O borrador do texto que a Xunta abordará cos representantes docentes prevé que estes exames se realicen entre o 17 e o 21 de xuño de 2022. Esta modificación non alteraría os plans para o presente curso académico, que manterá as datas das probas segundo o previsto.

O secretario xeral de Educación, José Luís Mira, explicou que o obxectivo é "favorecer, principalmente, os alumnos" e incrementar as posibilidades de recuperación ao ter recentes os contidos traballados en clase, ademais de poder iniciar o período de descanso xa no mes de xuño.

Neste sentido, lembrou que o número de alumnos que superan algunha das materias pendentes nesta convocatoria "é moi reducido", polo que cre que esta medida favorecería á comunidade escolar.

Mira Lema tamén considerou que "beneficiará ás familias" á hora de conciliar e planificar a súa vida, porque os seus fillos quedarán matriculados nos meses de xuño e xullo e poderán "iniciar as súas vacacións cunha certeza do centro de destino".

No caso dos centros, os equipos directivos poderán ultimar con antelación a organización do próximo curso e coñecer o seu destino e mesmo o seu horario antes de arrincar o período de vacacións. De feito, a posibilidade do cambio de datas foi acollida positivamente por parte da Xunta Autonómica de Directores, segundo Educación.

En suma, a administración educativa podería adiantar a organización do curso para poder arrincar antes que en anos precedentes e así facilitar a conciliación laboral e a atención das familias aos seus fillos.

PROPOSTA

O borrador da orde propón que o curso arrinque o 8 de setembro de 2021 para 2º ciclo de infantil, primaria e educación especial, para finalizar o 21 de xuño de 2022.

Para ESO, bacharelato e FP, o curso transcorrería entre o 15 de setiembre e o 21 de xuño, mentres que nos ensinos de réxime especial a actividade lectiva arrincaría o 15 de setembro ata o 30 de xuño de 2022.

Os períodos de vacacións serían desde o 23 de decembro de 2021 ao 7 de xaneiro de 2022 (Nadal); 28 de febreiro, 1 e 2 de marzo de 2022 (Entroido); e do 11 ao 18 de abril (Semana Santa) e tampouco serán lectivos as festas de ámbito estatal e autonómico ou o Día do Ensino (11 de outubro).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta